Noticias

O PSOE de Ourense propón cambios para mellorar a ordenanza contra o ruído

O grupo municipal socialista presentou emendas á ordenanza contra o ruído do Concello de Ourense para garantir unha aplicación real da norma e mellorar a convivencia cidadá.

A iniciativa, segundo explican, recolle demandas da veciñanza e ten como obxectivo principal “acadar unha mellor calidade de vida e convivencia” na cidade.

O PSOE de Ourense propón cambios para mellorar a ordenanza contra o ruído

As e os edís do PSdeG no Concello de Ourense veñen de rexistrar unha batería de emendas ao proxecto de ordenanza de protección contra a contaminación acústica.

Entre as achegas máis destacadas, o grupo socialista insiste na necesidade de que o texto garanta a dotación de medios humanos e materiais suficientes para a súa aplicación efectiva, así como a posta en marcha dun protocolo de medición en tempo real. Neste sentido, solicitan que o casco histórico sexa declarado Zona de Protección Acústica Especial, pola súa relevancia e elevada presenza de locais de ocio nocturno, contando cun plan zonal específico e un mapa de ruídos adicional.

Outra das modificacións propostas é a redución do prazo para declarar unha zona como de Situación Acústica Especial (ZSAE), pasando dos tres anos actuais a un só. Segundo os socialistas, esta mudanza permitiría actuar con maior axilidade ante situacións de contaminación acústica.

En canto á suspensión dos obxectivos de calidade acústica, esixen que calquera excepción, incluídas as promovidas polo propio Concello, leve aparellado un estudo de impacto acústico individualizado. Este deberá facerse público na web municipal cun mínimo de dez días hábiles de exposición para alegacións veciñais antes de decidirse a aprobación ou non da medida.

Control de decibelios

O PSOE tamén pide unha revisión dos límites de decibelios permitidos. En concreto, reclaman que para os ciclomotores o máximo se sitúe nos 80 dB, fronte aos 91 dB recollidos no borrador da ordenanza.

O PSOE de Ourense propón cambios para mellorar a ordenanza contra o ruído

No ámbito da mobilidade e o tráfico, a formación propón a creación dunha Estratexia Municipal contra a Contaminación Acústica Viaria, con actuacións prioritarias en zonas vulnerables como o casco histórico, contornos escolares e áreas residenciais. Tamén defenden a posta en marcha dunha Unidade Móbil Acústica da Policía Local, dotada con equipamento para medicións en tempo real.

Finalmente, os socialistas rexeitan unha das medidas estrela do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, incluída na nova normativa: a prohibición do uso de parques e pistas deportivas durante a noite. Consideran que esta medida é desproporcionada e propoñen que, salvo resolución motivada da Alcaldía, se permita o uso destes espazos sempre que se respecte o descanso veciñal e a normativa vixente.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.