O Pleno do Concello de Ourense aprobou dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista para reforzar a transparencia na xestión municipal e impulsar a recuperación da Banda Municipal de Música.
A primeira iniciativa, defendida por María Fernández, contou co apoio de PP e BNG e co voto en contra de Democracia Ourensana. A proposta reclama que o Goberno local publique, antes do 31 de outubro, un balance dos investimentos superiores aos 100.000 euros realizados durante o mandato, detallando o seu orzamento, financiamento, grao de execución e pagamentos pendentes.
O PSOE impulsa máis transparencia e a recuperación da Banda Municipal
Tamén solicita información sobre as modificacións de crédito financiadas co Remanente e os servizos municipais que continúan prestándose sen contrato ordinario.

“Non chega con anunciar obras nin con colocar carteis: a veciñanza ten dereito a coñecer como se están xestionando os cartos públicos”, defendeu Fernández.
O Pleno aprobou tamén outra moción, presentada por Alba Iglesias, para recuperar a Banda Municipal de Música de Ourense como un servizo cultural estable e reforzar a súa conexión coa Escola Municipal de Música.
A iniciativa propón recuperar o uso musical do Palco da Alameda, programar actuacións nos barrios e incorporar unha dotación económica estable nos próximos orzamentos.
“A banda desapareceu porque os músicos se xubilaron, non se convocaron novas prazas e foise deixando morrer”, lamentou Iglesias.

