O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita destinar 10 millóns de euros a un bono comercio de 100 euros por beneficiario ao considerar que a medida non resolve os problemas estruturais do comercio local.
As socialistas votaron en contra da modificación orzamentaria e cuestionaron que a iniciativa chegue a sete meses das eleccións municipais de maio de 2027.
O PSOE rexeita o bono comercio de 10 millóns de Jácome
A voceira socialista e candidata á Alcaldía, Natalia González, defendeu o apoio do partido ao comercio, pero reclamou un plan económico con efectos duradeiros. González lembrou que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome xa impulsara bonos comercio en 2023 e preguntou que outras medidas adoptou nos seus dous mandatos para apoiar os pequenos negocios.

A socialista reclamou actuacións para recuperar locais baleiros, modernizar as zonas comerciais e facilitar o acceso á vivenda, co obxectivo de frear a perda de poboación. Tamén criticou que o executivo municipal non atendese as propostas presentadas polo PSdeG desde 2023 nas áreas de vivenda, urbanismo, economía e comercio.
Como alternativa, González propuxo destinar os 10 millóns de euros á rehabilitación de vivendas baleiras para incorporalas ao mercado do alugueiro accesible e a axudas para a apertura de novos negocios.
«Nós queremos que eses 10 millóns deixen pegada na cidade cando se gasten», concluíu a portavoz socialista, que reclamou planificación e unha xestión económica orientada a resultados a longo prazo.

