Noticias

O PSdeG-PSOE apoia o futuro da base de Renfe en Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense expresou o seu apoio á continuidade e modernización da base de mantemento de Renfe-Enxeñería en Ourense tras reunirse co representante do Sector Ferroviario da CGT en Galicia.

Na xuntanza participaron a deputada no Congreso Marga Martín Rodríguez, a deputada no Parlamento galego Carmen Rodríguez Dacosta, o deputado provincial Diego Fernández Nogueira, a voceira municipal Natalia González Beneitez e a concelleira Alba Iglesias García.

O PSdeG-PSOE apoia o futuro da base de Renfe en Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense mantivo esta mañá unha reunión de traballo co representante do Sector Ferroviario da CGT en Galicia. Este encontro serviu para coñecer de primeira man as reivindicacións e necesidades dos traballadores da base de mantemento de Renfe-Enxeñería situada na cidade. Esta base conta actualmente conta cun cadro de persoal de 32 persoas.

Durante o encontro, o representante sindical da CGT expuxo as principais demandas do colectivo. Estas están centradas na necesidade de investimentos que permitan adaptar os talleres á nova demanda derivada da chegada dos vehículos autopropulsados da serie 599, cuxo mantemento se levará a cabo en Ourense. Ademais, reclamouse unha garantía de carga de traballo suficiente e a modernización das instalacións.

Os representantes socialistas recolleron estas peticións e reafirmaron o compromiso de Renfe coa base ourensá. Durante o encontro destacaron que a reorganización das súas actividades supón unha aposta pola continuidade do centro e do seu persoal.

Esta reorganización inclúe a especialización no mantemento de vehículos autopropulsados de viaxeiros e na reparación de compoñentes ferroviarios.

“O compromiso coa evolución e adaptación ás necesidades do sector é total”, subliñaron dende o PSOE ourensán. Tamén destacaron que se deixará de manter material antigo, como as locomotoras S333, para dar paso a vehículos máis modernos e novas liñas de reparación.

O PSdeG-PSOE apoia o futuro da base de Renfe en Ourense
Foto: PSdeG-PSOE

Os socialistas valoran positivamente esta evolución, que consideran clave para asegurar o futuro da base de mantemento de Renfe en Ourense como referente no ámbito ferroviario galego.

Botón volver arriba