Remata unha edición da MIT con récord de público que permite recuperar a forza que este evento tiña antes da pandemia da covid-19.
O aumento da recadación por venda de entradas nun 34% permite reforzar o espazo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia dentro da escena teatral.
Remata unha MIT con récord de público
Esa afluencia de público foi constante e multitudinaria en todas as actividades que formaban parte da programación da MIT. As representacións do Castelo e as que se realizaron en distintos espazos rurais tiveron un importante seguimento do público.
Ese público que apoiou a 39ª edición da MIT escolleu á obra «As que limpan» de A Panadería como gañadora do Premio do Público. Tamén se entregou o 18º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT 2023 que foi para Nerea Brey pola súa obra «Manuel de Patronaxe».
Nerea Brey (Lalín, 1987) é actriz, docente de Arte Dramática e creadora escénica. Licenciada en Xornalismo e Titulada pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
ACTA DO XURADO DO PREMIO ABRENTE DA MIT 2023
Reunidas as seguintes persoas do Xurado do 18º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT 2023, composto por Rocío González, Ana Abad de Larriva, Lois Blanco e Roberto Pascual, que actúa como secretario con vos pero sen voto, acordan por unanimidade, decretar como gañador o texto titulado MANUAL DE PATRONAXE, presentado co pseudónimo “Singer Verde”, polos seguintes motivos:
Trátase dunha obra con apariencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional.
A obra mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escrita.
A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar, grazas ás capas de verdade e honestidade coas que se manexa para a recepción co público actual.