O concello de Ribadavia busca a mellora na atención ás vítimas de violencia de Xénero mediante unha mesa de coordinación con presenza de responsables políticos, sociais e das forzas de seguridade.
Mellorar a atención que reciben as vítimas da violencia de xénero, ese é o obxectivo que se marcaron en Ribadavia. A loita contra a violencia de xénero non pode quedar restrinxida ós actos que se realizan un día ou ás pancartas que o recordan.
Atención ás vítimas de violencia de xénero
Esa loita ten que estar presente no día a día e para poder avanzar, Ribadavia celebrou unha xuntanza da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de Violencia de Xénero. Nesta mesa analizáronse as posibles medidas a tomar nos distintos ámbitos sociais. Comezando polos centros educativos, as institucións deben estar vixiantes para analizar e dar resposta con medidas que sirvan para mellorar a prevención da violencia de xénero.

Na mesa de coordinación estiveron presentes:
- Alcaldesa do Concello de Ribadavia, Noelia Rodríguez,
- Concelleiro de Servizos Sociais, Brais Fidalgo,
- Xefa da Unidade Contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias,
- Representante do EMUME, Aser Moreiro,
- Garda Civil de Ribadavia, Brigada José Pérez,
- Traballadores Sociais do Concello de Ribadavia, Justo Fernández e Paulina Deaño,
- Traballadora Social do Centro de Saúde de Ribadavia, Rosa González e
- Representantes do Ceip e Ies Ribeiro.
En Ribadavia desenvolvéronse varias iniciativas mediante un programa de Promoción da igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. O programa, baixo o nome de «Lola Touza», prestou axuda a mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos. Unha axuda baseada na atención psicolóxica, xurídica, social e laboral.
