O concello de Ribadavia apoia mediante a campaña «En negro contra as violencias» a conmemoración do día da Eliminación da Violencia contra a muller.
A campaña de concienciación contra a violencia de xénero ten en Ribadavia un importante aliado. Dende o goberno de Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, prográmanse varias actividades de sensibilización da cidadanía baixo a campaña «En negro contra as violencias».
Ribadavia «En negro contra as violencias»
Todo xira en torno á data do 25 de novembro, día da conmemoración, pero a mensaxe da campaña debe permanecer entre nós durante todo o ano. Ademais da colación de pancartas e a iluminación específica de edificios relevantes como a casa do concello e o castelo, programáronse varias actividades.
Actividades para escolares
O alumnado do IES Ribeiro realizou carteis que están expostos na Casa da Cultura. Este mesmo alumnado gozou hoxe da obra de teatro «Golpes», orientada a un público xuvenil.
O xoves, día 25 de novembro, o alumnado do CRA Amencer realizará no concello unha lectura reivindicativa para respaldar esta data tan sinalada.
Axenda institucional
No que respecta ós actos institucionais, a Praza Maior de Ribadavia será o lugar onde o 25 de novembro se realice un acto conmemorativo. En dito acto procederase á lectura dun manifesto sobre a eliminación da violencia de xénero.
O luns, 29 de novembro, levarase a cabo unha reunión da Mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero do Concello de Ribadavia.