O campus de Ourense acolleu a presentación da iniciativa Axenda 2030. Plan de localización dos ODS, que busca integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito concellos ourensáns de menos de 5.000 habitantes.
Este martes, o campus de Ourense da Universidade de Vigo foi o escenario da apertura oficial do proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos ODS en oito municipios do rural ourensán. Esta iniciativa pioneira está destinada a incorporar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nas políticas locais de pequenos concellos da provincia.
O rural ourensán, modelo na aplicación da Axenda 2030
O proxecto está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e liderado polo Concello de San Xoán de Río. Conta ademais coa participación de profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo.
A proposta, considerada de gran interese para a revitalización do rural, obtivo a cuarta mellor puntuación entre as 576 candidaturas presentadas á convocatoria estatal. Foi tamén a única aprobada na provincia de Ourense e unha das dúas seleccionadas en Galicia. A iniciativa céntrase en concellos de menos de 5.000 habitantes e busca integrar os ODS nas estratexias municipais, abordando desafíos como o despoboamento, o envellecemento e a masculinización do territorio.

Durante o acto de apertura, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, destacou a disposición permanente da universidade a colaborar coas entidades locais. Rodríguez subliñou o compromiso coa construción de territorio e co desenvolvemento do rural. “Cando se xuntan diferentes forzas, os resultados multiplícanse”, afirmou.
Tamén participou Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social. Mociño expresou a súa satisfacción pola posta en marcha dun proxecto en liña coa filosofía do centro, comprometido coa sostibilidade e a conexión co entorno. Pola súa banda, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, defendeu a importancia de traballar polos ODS tamén desde o rural. Lembrou que “en Europa o 80% do territorio é rural” e expresando o desexo de que “Ourense sexa modelo” na implementación destes obxectivos.
A profesora Maribel Doval, responsable da metodoloxía do proxecto na UVigo, explicou que este inclúe un proceso colaborativo de localización dos ODS co obxectivo de deseñar follas de ruta que aliñen as políticas municipais cos retos do territorio. Destacou que se trata do primeiro mapeo destas características en municipios rurais ourensáns, cun enfoque replicable noutras zonas.
Plan estratéxico
A iniciativa desenvolverase en catro fases entre maio e outubro, incluíndo unha diagnose da situación actual dos concellos, a definición e implementación de accións transformadoras, o seguimento e finalmente a comunicación dos resultados. Cada municipio contará cun plan estratéxico local vinculado aos ODS e cunha acción transformadora concreta, aliñada tamén co seu Plan de Igualdade. Ademais, realizarase un mapeo de iniciativas e crearase unha web para difundir os contidos xerados.
Eva D. Castro, consultora responsable da xestión técnica da proposta, destacou que o proxecto aborda tres dos eixos clave do Reto País 8 da Axenda 2030: despoboamento, envellecemento e masculinización. O obxectivo final é revitalizar o rural desde unha perspectiva sostible e inclusiva.