A atleta Sabela Castelo converteuse esta fin de semana nun dos nomes propios do atletismo nacional tras proclamarse campioa de España sub-18 nos 5.000 metros no Campionato de España disputado en Mahón.
A fondista logrou ademais a mínima para o Europeo sub-18 que se celebrará en Rieti, ao pasar polo 3.000 metros con rexistro válido para a cita continental.
Sabela Castelo conquista o Nacional sub-18 e o atletismo ourensán suma novos éxitos
Confirma así a súa espectacular progresión e consolidándose como unha das grandes promesas do fondo estatal.

A excelente fin de semana para o atletismo ourensán completouse co Campionato de España por Federacións Sub-16, disputado nas pistas de Complexo Deportivo de Monterrei, onde tres atletas do club asinaron unha actuación moi destacada, con tres marcas persoais e unha medalla de bronce.
Naia Bermejo foi segunda en triplo salto cun mellor intento de 10.67 metros, conseguido no seu segundo salto. Pola súa banda, Ángel Araújo superou o listón en 1.78 metros, marca que lle permitiu rematar na quinta posición, a só tres centímetros do podio. Tamén destacou Mario Casal, que acadou os 14.99 metros para facerse coa medalla de bronce, quedando a apenas sete centímetros da prata.
Por equipos, a selección galega masculina quedou ás portas do podio cunha cuarta posición e 227 puntos, mentres que a feminina rematou sexta con 210,5 puntos.
No Campionato de España Universitario tamén chegaron excelentes noticias para o Sanysec–Ourense Atletismo, especialmente grazas a Manuela Blanco, que se proclamou campioa de España universitaria en salto con pértega. A atleta completou un concurso impecable ata os 3.80 metros, altura coa que asegurou o ouro antes de facer tres intentos sen éxito sobre 3.90.
Ademais, África Carrasco foi sétima nos 5.000 metros marcha cun tempo de 24:35.72, mentres que Daniel Villanueva rematou en duodécima posición cun mellor lanzamento de 49.48 metros. Pola súa parte, Leyla Villar concluíu sétima na súa semifinal dos 1.500 metros con 4:47.05, quedando ás portas da clasificación para a final.

