O Concello de Ourense celebrará este domingo, 22 de marzo, a festividade de San Lázaro cun programa de actividades que combina tradición relixiosa e celebración popular no centro da cidade.
A xornada comezará ás 11:00 h coa misa na honra do santo na igrexa parroquial de Santo Domingo, á que asistirá a Corporación municipal.
San Lázaro en Ourense: programa e actividades 2026
A continuación, desenvolverase a tradicional procesión, que percorrerá a rúa Santo Domingo, o Parque de San Lázaro e a rúa Xaquín Lorenzo ata chegar á igrexa dos Franciscanos.
Xa ás 11:45 h terá lugar a alborada, con gaiteiros e cabezudos animando as rúas do Paseo, Santo Domingo e o Parque de San Lázaro, nun dos momentos máis agardados da mañá.
Como peche da celebración, ás 13:00 h celebrarase a tradicional Queima das Madamitas, a cargo da pirotecnia Josman, fronte á Subdelegación do Goberno.

Ademais, durante toda a fin de semana, tanto o sábado como o domingo, instalaranse arredor do Parque de San Lázaro os habituais postos de rosquillas, lambetadas, abelás e outros produtos típicos destas datas, completando así unha das festas máis populares do calendario local.

