Deportes

O Sanysec-Ourense Atletismo suma éxitos na liga estatal e nos campionatos galegos

O Sanysec – Ourense Atletismo asinou unha intensa fin de semana de competicións con resultados destacados tanto a nivel estatal como autonómico.

O club ourensán celebrou a cuarta posición do seu equipo masculino na Segunda División nacional. Ademais, tamén tivo unha gran colleita de medallas nas categorías de formación e un notable papel dos veteráns no Campionato de Galicia por clubs.

O Sanysec-Ourense Atletismo suma éxitos na liga estatal e nos campionatos galegos

Foto: Club Ourense Atletismo

Sete medallas para os máis novos

A participación do club no Campionato Galego Sub10 e Sub12 celebrado na Coruña deixou un balance de sete medallas, confirmando o bo momento da canteira ourensá.

Na categoría Sub10, Saúl Carril conseguiu a prata en altura con 1,23 metros e Gala Témez foi segunda nos 50 metros lisos cun rexistro de 8.08 segundos.

Entre os Sub12, Álex Cid logrou a prata nos 500 metros con 1:26.26, mentres que o relevo masculino de 4×60 formado por Álex Cid, Martín Gómez, Brais López e Zeus Álvarez tamén acadou a segunda posición con 35.28 segundos.

No apartado feminino destacou Ada Outeiriño, prata en lonxitude con 4,18 metros e bronce nos 60 metros lisos con 8.80 segundos. Ademais, o relevo feminino de 4×60 integrado por Ada Outeiriño, Carla Rebollo, Olivia Currás e India Alonso sumou outra prata cun tempo de 36.15 segundos.

O club cualificou estes resultados como un magnífico peche de competición para a escola de atletismo dirixida por Helena Miguélez, xunto cos monitores Manuela Blanco e Martín Míguez.

Cuarta posición na Segunda División estatal

O equipo masculino do Sanysec – Ourense Atletismo rematou na cuarta posición do grupo B1 da Segunda División estatal cun total de 13.349 puntos, consolidando a progresión da entidade na competición nacional. Os atletas ourensáns quedaron por detrás do Club Atletismo Sada (13.779 puntos) e por diante do Universidad León Sprint Atletismo (13.341), mentres que o triunfo correspondeu ao Marineda con 14.076 puntos.

O club destacou especialmente a mellora da súa puntuación segundo a táboa IAAF, cun incremento de preto de 1.000 puntos respecto da pasada tempada, a pesar de non presentar participación na proba dos 3.000 metros obstáculos debido ás baixas.

Entre os mellores resultados individuais sobresairon as vitorias de Miguel Carbajales en pértega, con 4,56 metros; Daniel Villanueva en lanzamento de martelo, con 50,15 metros; e Nicolás Collazo, atleta do filial Ames, nos 5.000 metros marcha cun rexistro de 20:28.97.

Tamén lograron segundos postos Raúl Gude en lonxitude, con 6,52 metros, e o equipo de 4×400 formado por Iago Saco, Joel Abeso, Javier Trillo e Martín Míguez, cun tempo de 3:22.83.

As terceiras posicións foron para Joel Abeso nos 200 metros lisos (22.28), Iago Saco nos 400 metros (50.76), Mario Lorenzo nos 1.500 metros (4:07.27) e Brais Rey, do filial A Estrada, nos 3.000 metros lisos (8:59.57).

Á espera da clasificación definitiva da categoría, o club estima que rematará na 17ª posición da Segunda División, once postos por riba da clasificación acadada o pasado ano.

Unha prata máis no Galego Sub16

O Campionato Xunta de Galicia Sub16, condicionado pola meteoroloxía e disputado en dúas xornadas, permitiu ao club incrementar o seu medalleiro cunha nova prata.

O protagonista foi Ángel Araújo, que acadou o segundo posto en salto de altura tras superar o listón nos 1,72 metros.

Tamén destacaron Mauro Gómez, cuarto en martelo de 4 quilos con 28,79 metros; Lucía Quintas, quinta nos 100 metros valos con 16.08 segundos; Sara Vázquez, sexta en lonxitude con 4,93 metros; e Naomy Jiménez, sexta nos 600 metros con 1:48.89.

Pola súa banda, o relevo feminino de 4×100 integrado por Lucía Quintas, Xiana Ortega, Leire Díaz e Naia Bermejo concluíu na quinta posición cun tempo de 53.75 segundos.

Os veteráns, cuartos de Galicia por clubs

Outro dos éxitos da fin de semana chegou no Campionato de Galicia de Veteráns por Clubs, disputado nas pistas de Monterrei, onde o Sanysec – Ourense Atletismo obtivo unha meritoria cuarta posición.

O equipo sumou 71 puntos, situándose só por detrás dos tres grandes referentes da categoría: Sada, Samertolomeu e Marineda.

A única vitoria individual correspondeu a Saturnino González nos 2.000 metros obstáculos, cun tempo de 7:42.86.

Os segundos postos foron para Sergio Herrería en lonxitude (5,34 metros) e Javier Domínguez en xavelina (42,75 metros).

Completaron os postos de podio Antonio Touza nos 400 metros (57.49), Miguel Ángel Álvarez nos 1.500 metros (4:57.16), Alejandro López nos 400 metros valos (1:10.95), Julio Fernández en disco (20,56 metros) e Cristóbal Almudí en martelo (44,06 metros).

O conxunto ourensán quedou a 19 puntos da terceira posición ocupada polo Marineda e aventaxou en oito puntos ao Club Atletismo Narón.

Botón volver arriba