Deportes

O Sanysec-Ourense repite liderado e soña co ascenso

O Sanysec-Ourense Atletismo volveu demostrar a súa fortaleza na Primeira División feminina ao conquistar de novo a primeira praza no seu encontro ligueiro.

Este resultado permitelle chegar á xornada decisiva na segunda posición da clasificación xeral e con opcións reais de pelexar polo ascenso.

O Sanysec-Ourense repite liderado e soña co ascenso

O conxunto ourensán competiu en Durango fronte ao Bidezabal Durango, o Cornellà Atlètic e o DELSUR Coop La Palma, logrando a vitoria con 191,5 puntos. Nesta competición superou con claridade ao DELSUR Coop La Palma, que sumou 169,5 puntos, e ao Cornellà Atlètic, terceiro con 168. Máis afastado rematou o conxunto anfitrión, Bidezabal Durango, con 159.

O Sanysec-Ourense repite liderado e soña co ascenso
Foto: Club Ourense Atletismo

As vitorias individuais do club ourensán chegaron da man de Andrea Purica, primeira nos 100 metros lisos cun tempo de 11.66; Sabela Castelo, que se impuxo nos 3.000 metros con 9:49.22; e Daniela Rubio, vencedora en altura con 1.72 metros, marca que tamén acadou Iria Solera, aínda que cun nulo nesa altura.

Tamén subiron ao máis alto do podio Aitana Capeáns, que dominou o peso con 12.63 metros; Noa López, primeira en martelo con 50.88; e Yiset Magali, que venceu en xavelina cun lanzamento de 59.35 metros.

Con este resultado, o Sanysec-Ourense Atletismo afrontará a terceira e derradeira xornada nunha posición privilexiada para loitar polo ascenso á División de Honra. As ourensás ocupan a segunda praza con 8 puntos e 408 postos, só por detrás do Oviedo Atletismo, líder con 8 puntos e 410 postos. Por detrás sitúanse o Atletismo Alcorcón e o UCAM Cartagena, ambos con 7 puntos.

Na última xornada competirán oito equipos, cunha única participante por proba. Os dous primeiros clasificados no cómputo global das tres citas lograrán o ascenso, tendo prioridade o resultado da xornada final en caso de empate.

Botón volver arriba