O Grupo Municipal Socialista de Ourense reclama accións urxentes para mellorar a seguridade e os servizos nos barrios da Ponte, O Vinteún e O Pino, ante o repunte de incidencias e preocupación veciñal.
Dende hai case dous anos, o Grupo Municipal Socialista de Ourense vén recollendo a preocupación crecente da veciñanza dos barrios da Ponte, O Vinteún e O Pino polo aumento de conflitos e sensación de inseguridade.
O PSdeG reclama accións sociais e máis seguridade nos barrios de Ourense
Segundo destaca a voceira socialista, Natalia González Benéitez, esta situación foi trasladada de forma directa tanto ao Parlamento de Galicia como ao Congreso dos Deputados polos representantes do PSdeG.
“As e os socialistas apelamos á confianza, responsabilidade e colaboración institucional en materia de seguridade en Ourense, pero tamén á prudencia da cidadanía, dos medios de comunicación e dos partidos políticos”, sinalou González Benéitez, quen advertiu da importancia de evitar discursos que xeren alarma social e fomenten o extremismo, o odio ou a violencia contra colectivos vulnerables.
Dende o PSdeG entenden que a resposta a esta problemática require ir máis alá do reforzo policial: “É necesaria unha intervención social colectiva na que o Concello debe ter un papel fundamental”, afirma a voceira. Neste sentido, reclaman unha estratexia municipal que aborde con seriedade o problema do senfogarismo, así como a reactivación de programas municipais de promoción da saúde e prevención das adiccións.
No pleno de maio deste ano, os socialistas reiteraron estas demandas, lembrando tamén a proposta presentada en setembro de 2024 para convocar a Xunta Local de Seguridade. Esta iniciativa busca coordinar actuacións entre administracións e corpos de seguridade para actuar de forma específica nos barrios máis afectados.
Paralelamente, o PSdeG denuncia o “abandono total” que padecen os barrios por parte do goberno municipal de Jácome e Democracia Orensana. Fálase de deficiencias en servizos básicos como a limpeza, o desbroce ou a iluminación, que agravan a sensación de deterioro e inseguridade entre a cidadanía.

Finalmente, González Benéitez lanzou unha mensaxe clara contra os grupos que promoven a xustiza pola súa conta: “Rexeitamos e condenamos calquera organización cidadá que suplante as forzas de seguridade. Moitas delas agochan intereses da extrema dereita e promoven o odio e a violencia, vulnerando dereitos fundamentais”.