Noticias

Os socialistas pedirán a implicación da Deputación co transporte metropolitano

Os membros socialistas que forman parte do grupo provincial pedirán a implicación da Deputación de Ourense co transporte metropolitano que está pendente de implantar.

Un acto no Alto do Cumil, límite entre os concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas, foi o lugar escollido para este anuncio.

Os socialistas pedirán a implicación da Deputación co transporte metropolitano

«A implantación do transporte metropolitano é unha demanda histórica do PSdeG-PSOE que o PP, principal factor de bloqueo até o día de hoxe, subscribiu publicamente durante a campaña das autonómicas, polo cal pretendemos arrincar o compromiso da Deputación para a posta en marcha do transporte metropolitano coa maior celeridade posible» indicou Álvaro Vila.

O voceiro socialista na Deputación estivo acompañado polo alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. Tamén estiveron presentes concelleiros de Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Amoeiro, San Cibrao das Viñas, Coles, Punxín e Toén.

Os socialistas pedirán a implicación da Deputación co transporte metropolitano
Foto: PSdeG-PSOE de Ourense

«Os autobuses chegan ata este punto concreto do Alto do Cumial, pero non poden ir máis alá, impedidos de acceso ao Polígono de San Cibrao, que é a area industrial máis importante da provincia e unhas das máis importantes de Galicia» denunciou Álvaro Vila. Esta situación leva ó grupo socialista a pedir a implicación da Deputación de Ourense. «É o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da Deputación, os concellos e a Xunta de Galicia».

Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, sinalou o prexuízo que sofre o seu concello. «Sufrimos desde hai anos e no 2020 empezamos a aplicar bonificacións ás veciñas e veciños que utilizan o transporte para ver de minimizar os custos repercutidos aos usuarios polo servizo de transporte que dispón a Xunta de Galicia».

Botón volver arriba