Os concelleiros do partido socialista solicitan mediante unha moción a medalla de Ouro da cidade para o Liceo de Ourense, institución con máis de 170 anos de historia.
O próximo pleno do concello de Ourense contará cunha moción do grupo socialista para recoñecer a impagable labor que realiza o Liceo de Ourense. A vida cultural e social da cidade de Ourense non se entende sen a contribución desta institución.
Solicitan a medalla de Ouro da cidade para o Liceo de Ourense
«Estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense», indica José Rúas, concelleiro socialista. Ademais da programación propia da entidade, o Liceo de Ourense ofrece o seu espazo a numerosas asociacións para o desenvolvemento da súa actividade. Máis de 350 actos realizados anualmente son unha boa testemuña da prolífica labor desempeñada.
A cultura e a vida social da cidade de Ourense teñen no Liceo un actor fundamental. «Atopámonos cunha sociedade senlleira, que move a cultura e numerosas presentacións e con 172 anos de antigüidade», resalta José Rúas. «Creemos que por toda esta historia e labor, o Liceo de Ourense merece a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Ourense».
Pola súa banda, Rafael Rodríguez Villarino, voceiro do grupo socialista no concello, incide que «o recoñecemento que propomos ao Liceo, no seo da próxima sesión plenaria, é un recoñecemento, non só a cultura, senón a que estamos ante o propio cerne da cidade de Ourense».