Solicitan desde o grupo municipal do BNG unha Ordenanza e dun Servizo de Normalización Lingüística no Concello de Barbadás.
Esta solicitude do BNG debaterase no próximo pleno municipal que se celebrará este luns, 6 de maio.
Solicitan unha Ordenanza de normalización lingüística en Barbadás
«O Concello de Barbadás non dispón na actualidade dunha Ordenanza e dun Servizo de Normalización Lingüística que teñan como obxectivo un impulso real e efectivo para a normalización do galego nos distintos servizos municipais, desde a alcaldía até calquera outra dependencia municipal, e para que todos os ditames, informes e propostas que deban someterse a decisión ou coñecemento de calquera órgano corporativo municipal, estean redactados en galego, a lingua propia deste país, tal e como se recolle no Estatuto de Autonomía», indica Sarín Núñez, portavoz do BNG en Barbadás.
Para o grupo municipal de Barbadás, «o Servizo de Normalización Lingüística deberá ter como principal traballo a corrección de todos os textos municipais antes da súa publicación. Tamén formará parte dos tribunais cualificadores para a valoración dos coñecementos do galego, na selección de persoal e na provisión de postos de traballo».
A maiores, o BNG propón a organización de cursos formativos de lingua galega para o persoal do concello que non teña os coñecementos precisos.