Noticias

Natalia González reclama poñer fin á espera polo transporte metropolitano

A portavoz socialista no Concello de Ourense, Natalia González, reclamou activar as oito liñas proxectadas de transporte metropolitano e poñer fin a máis de tres décadas de anuncios, estudos e compromisos sen un servizo efectivo.

González realizou esta mañá unha viaxe en autobús ata o Polígono de San Cibrao xunto á deputada autonómica Carmen Rodríguez e ao alcalde de Taboadela e deputado provincial Álvaro Vila. Os socialistas denunciaron que as actuais frecuencias e horarios non responden ás necesidades das persoas que utilizan o transporte público para acudir ao traballo.

Natalia González reclama poñer fin á espera polo transporte metropolitano

Levamos máis de 30 anos esperando. Xa tivemos tempo para estudar o problema. Agora toca resolvelo”, afirmou González, que defendeu iniciar un período de proba das oito liñas xa deseñadas para avaliar usuarios, frecuencias, sustentabilidade económica e posibles melloras.

Natalia González reclama poñer fin á espera polo transporte metropolitano
Foto: PSdG

Carmen Rodríguez reclamou á Xunta un compromiso económico nos Orzamentos de 2027 e vinculou o transporte metropolitano co acceso ao emprego. Segundo indicou, Ourense ten unha taxa de actividade do 46%, 13 puntos por baixo da media estatal e case sete menos que a galega.

Os socialistas tamén criticaron o custo e as condicións do servizo actual cara á Tecnópole e ao Polígono de San Cibrao. Segundo explicaron, o billete custa 1,60 euros, non permite transbordos co transporte urbano e algúns desprazamentos poden superar os 40 minutos.

O PSOE considera que o principal obstáculo segue sendo o financiamento e reclama coordinación entre Xunta, Deputación, Concello e concellos da contorna. A formación cuestiona tanto a falta de compromiso económico da Xunta como as dificultades existentes na negociación sobre o modelo de financiamento.

González admitiu que o Concello debe resolver a situación da contratación do transporte urbano, pero advertiu de que os problemas municipais “non poden servir para que a Xunta renuncie ao exercicio das súas competencias”.

Para a portavoz socialista, o transporte metropolitano debe ser tamén unha ferramenta de “igualdade territorial, cohesión social, sustentabilidade e desenvolvemento económico”, ao permitir conectar a cidade con municipios como Barbadás, Coles, Amoeiro, Taboadela e San Cibrao.

Botón volver arriba