Entrevistas

Uxía Morán, vocación e versatilidade

Falando con Uxía Morán durante esta entrevista puidemos comprobar as nosas impresións previas ó confirmar que o seu traballo xurde da vocación pola interpretación e que goza dunha gran versatilidade para adaptarse e superar calquera atranco que apareza no seu camiño.

Ela mesma recoñece que é «un pouco toxo» pero ó igual que a chorima, a súa calidade e sensibilidade interpretativa destaca e brilla con luz propia.

Uxía Morán, vocación e versatilidade

En Ourensenarede intentamos facernos eco do panorama cultural e gústanos falar con xente de Ourense que está a facer proxectos interesantes como é o caso de Uxía Morán.

Cando empezamos a preparar esta entrevista situamos a Uxía Morán principalmente como actriz. Que é ser actriz para ti?

Buah! Ser actriz é como unha loita encarnizada por seguir a túa vocación. Hoxe en día ser actriz é para mín como un modo de supervivencia “boda, bautizo, comunións”, é dicir, hoxe en día sobrevivo como actriz sendo autónoma. É compaxinar vida con vocación. Procuro traballar no que me gusta, facendo o que me gusta e partindo da base de que me formei na carreira de actriz, comezo a abrir un amplo espectro para manterme como actriz, e única e exclusivamente como actriz, e iso é o complexo. Que actor ou actriz teño hoxe en día ó meu redor que unicamente se dedique a isto? Pois xente moi coñecida, senón a maioría teñen que compaxinar a súa profesión con traballos en hostalería, empresas de animación…

Foto: @carlota_mosquera

Eu creo que co paso dos anos non son coñecida como poden ser Laura Míguez ou outras actrices que si traballan máis no mundo do audiovisual, pero si é certo que conseguín abarcar unha serie de disciplinas da miña profesión que me permiten estar en constante movemento.

Por un lado toco performance, toco teatro ( nenos, adultos, familiar), e mentres tanto está a base que son os contacontos e as clases. Aínda que a docencia parece secundaria para un actor ou actriz, para min é un piar básico, porque dou clase a un sector da poboación que non ten que ver co mundo profesional e que me sostén nesa parte vocacional, nesa falta de ego, nesa sensibilidade, nesa ilusión… que cando unha empeza a facer teatro están esas capas a flor de pel  e logo segundo vas avanzando están máis duras de atravesar.

En resumen, ser actriz é ser supervivente, primeiro nunha cidade que culturalmente está morta, nunha loita constante comigo mesma por perdurar e estar constantemente rumiando novas vías porque se non buscas novas vías estáncaste, deixan de falar de ti, de chamarte e xa non hai traballo. Sempre en movemento, clases de danza en Xunqueira, clases de teatro para maiores…

O teatro e o noso lugar de traballo, pero eu decateime despois de tantos anos, de que se é tan complicado subirme a un escenario teño que buscar opcións alternativas. Eu quero facer traballo como actriz onde sexa doado traballar como actriz. Prefiro facer una performance en praza pública que pelexarme con todos os programadores culturais por acceder a un teatro como pode ser o de Santiago ou o de A Coruña, porque hai lista de espera ou porque non me coñecen.

O mundo audiovisual aínda se me atranca porque ten un xeito de funcionar co que eu non concordo. Se non tes representante non accedes a unha entrevista de traballo, sen entrevista non accedes ó traballo, e se superas a entrevista de traballo o representante leva unha porcentaxe. No meu caso non accedo a ningún casting porque non teño representante, entón  ata que eu non lle guste a alguén non podo acceder a unha entrevista de traballo. Partindo desa base, eu xa teño unha especie de bloqueo con esta parte miña da profesión e por iso para min é moito máis doado moverme co tema dos contacontos. Gozo moitísimo desta parte da profesión da transmisión oral, o de falar e contar historias e que a xente aprenda delas. Interésame actuar en prazas públicas tamén para a xente que nunca entraría a un teatro pero que, de súpeto, pasa pola rúa e ve o teu traballo.

Non fago pezas teatrais cando fago contacontos, non vou cunha maleta ou cun disfrace, interésanme outras cousas, interésame abrir debates, saber como están as crianzas, o feminismo… Gústame usar o teatro como terapia e ó mesmo tempo son consciente de que teño a capacidade e unha posibilidade de usala como terapia para outras persoas, como ferramenta de aprendizaxe para outras persoas. E claro para min o de ser actriz é un traballo, unha paixón e a miña terapia de subsistencia.

Uxía Morán, vocación e versatilidade
Foto: @carlota_mosquera

 Veño de ver hai pouco a Angélica Liddell, e ela odia ós actores e actrices, odia ó mundo do artisteo e a todos eses modernos, guaperas… como ela recoñecía “… solo escribo para mujeres y maricones.” Ela facía unha autocrítica preguntándose “¿por qué haces esto Angélica..? – Por Amor”. A min gústame escoitar a Angélica e ó final penso que ela usa o teatro como ferramenta para sobrevivir. Ela vive nunha depresión constante, e no momento no que se sube a un escenario é un momento no que pode liberarse, logo volve a casa e volve esa depresión. Quizais non estou no nivel de Angélica, pero sí que a min abáfame ver esa catarse.

Como dalgunha maneira, o que non somos capaces nós de liberar, ou ter a valentía de facer enriba dun escenario, ela si que o fai. Falar de cousas que non somos capaces de dicir no día día, ela si que o fai. Eu no día a día nas clases cos meus alumnos convídoos a que fagan cousas que non se fan habitualmente, ter un momento de silencio, darse unha masaxe, ser persoas con emoción libres. Doume conta que cada vez emprego máis o de ser actriz para ser eu mesma, e como ferramenta para axudar ós demais, xa non me interesa tanto estar en personaxe, interésame usar o Teatro.

A maioría da sociedade ten a imaxe dos actores e actrices por eses minutos que os ven enriba dun escenario, ou eses momentos na escena dunha película. Sempre temos a sensación de que a vida dunha actriz é marabillosa, unha vida bohemia, que pasan o día de festa, e despois van un intre a gravar e xa está. En Ourense na Rede coñecemos a realidade. Sabemos  que desde os inicios desta profesión estades loitando e que “ser actriz non é actuar”. Ti falabas nos inicios de ser empresaria.

Ser actriz hoxe en día é, citando a Touriñán, un “A cabeza non para”. Ser actriz é asumir que non é traballo constante. Así levarás mellor as épocas de altibaixos. No meu caso traballo máis en horario escolar, sei que en verán é momento de parada, pero hai que pagar igual autónomo, e son catro meses. Aínda que cando comeza o curso se pode remontar, é unha realidade que os actores e actrices vivimos nunha incertidume constante, de si gustaremos, de si nos chamarán, de si o que facemos ten algún sentido. As veces podes estar cansa de estar sempre exposta e aínda que sexas extravertida precisas recollerte.

Cando che preguntan en que traballas? E ti dis, son actriz, En que película traballas?… Aí non teño máis que dicir. Pode haber quen fixo tres películas e non fixo máis! Está moi asociado o de tes que triunfar, ter que ser coñecida… por iso digo que a día de hoxe estou contenta porque consigo ter un oco estable na miña profesión e non ten nada que ver con fama, nin cartos, nin ser coñecida, nin saír na tele. É evidente que se ti tes un traballo nunha serie iso da unha estabilidade importante, si fas unha serie de sete capítulos, vas a setecentos euros ou así por sesión non. É traballo que da visibilidade, publicidade, da cartos, pero iso pode ser algo puntual porque ó mellor xa non fas nada mais en todo o ano. Por iso nesta profesión sempre precisas ter un colchón, porque si só te dedicas ó audiovisual ou ó teatro profesional, non coñezo a día de hoxe compañía que se manteña única e exclusivamente de facer bolos.

Unha das cousas que fas como actriz son os contacontos. Como se chega á cabeciña dos nenos e nenas para que a historia non sexa un conto que lles podería contar calquera?

Tratándoos como o que son, escoitándoos. Hai quen me di que teño como sentido do ritmo, e digo, eu sempre me poño nerviosa nun contacontos, porque por moito que o prepare hai un factor aí que teño que ter en conta, o que lle chaman en teatro “Antena Posta”.

Eu conto os contos pero asegúrome de que todos están atentos, de que a todos lles está gustando, de ter a súa atención, de facer preguntas, e sobre todo, conto contos para que sempre sexan partícipes da historia. O que vou aprendendo é a importancia da escoita, non hai que correr, hai que escoitalos, e hai días que teñen sono, hai que regularse con como están eles, pode ser que outro día veñan pasados de voltas e eu doume o permiso de agardar ata que acouguen.

Antes falabas que un dos obxectivos do teatro era reivindicar. No ano 2022 presentaches no FITO a obra Ingobernable que trataba dunha muller que decidía crear un partido político para cambiar o mundo a través da política. Levamos moitos anos falando de igualdade, de feminismo, de facer políticas proactivas para cambiar aspectos que están moi arraigados na nosa sociedade. Comezando o 2024, realmente como sociedade podemos dicir que avanzamos?

Estamos estancadísimos. Creo que hai un inmobilismo total, creo que hai unha comodidade absoluta. Será Netflix, HBO, todo isto… estamos aburguesados, como di Angélica “somos un montón de peña con derechos”, entón imos por aí porque temos de comer, porque temos dereitos. Penso que estamos adormecidos.

Particularmente nesta cidade existe un conformismo que, por ter unha ramplas e un concerto de Mago de OZ, Panorama… parece que todo vale, pero a nivel de programación cultural hai moito abandono. Por que non hai un programa cultural nos buzóns de todas as casas de Ourense onde poña toda a programación cultural do mes? unha axenda cultural? xa o fan en Edimburgo e en Finlandia, unha axenda de programación cultural mensual accesible a todos para que todo o mundo teña coñecemento da oferta existente.

A nivel cidade, se queres que me meta en temas de política, a obra de “Ingobernable” vai sobre iso, sobre política. É unha inmolación persoal porque me poño enriba do escenario “en pelotas” case literalmente. Fago unha autobiografía, alí mesmo, e busco votos e aceptación nunha cidade na que, desde que son actriz, tiven que lidiar con ser a filla de Paco da Deputación, Paco do PP, Uxía González. Cando cambiei os apelidos tardei moitísimo en que me recoñeceran como Uxía Morán, da igual, como é a filla de Paco é Uxía González.

A cultura está politizada, co cal, mentres a cultura tanto a nivel provincial como a nivel estatal siga sendo politizada non haberá cultura, senón hai cultura a cidade está morta. A nivel cidade estamos baixo o goberno dun home que agora mesmo considérase programador cultural. Vivimos nunha cidade onde a cultura está tomada polos políticos, neste caso polo Alcalde. Eu entendo que hai unha parte na que o felicito, non se programaba para adolescentes, aínda que por outra banda está facendo unha programación cultural que favorece o consumo de alcohol e só para un tipo de gustos adolescentes (Panorama, Olimpus, Paris de Noia y La Gramola).

Desde certos cargos políticos vense criticando a inversión cultural. Nas redes sociais podemos ver como bastante xente secunda esa opinión apoiando a frase “Quen queira espectáculo que o pague”. Por exemplo, argumentan que non é rendible pagar unha obra de teatro á que asisten 100 espectadores pero non hai dúbidas á hora de financiar unha orquestra co custo elevado que supón. Que opinas ó respecto?

Para min esta é a lacra que vivimos. Co señor Alcalde eu ademais dun problema cultural teño un problema empresarial. Porque se quero actuar na miña cidade no Auditorio non saio rendible, e o señor alcalde considera que se ti non tes unha actividade rendible non tes opción, el non quere nin axudar ás persoas que polo menos estamos arrancando.

Touriñan vai a encher o Auditorio, dúas, tres ou catro funcións, claro que si, pero eu boto en falta, por exemplo, obras de Teatro-Danza de Granada. Claro que esas obras non enchen igual sobre todo se non se publicitan, porque xa antes de Jácome a publicidade cultural era nefasta. Unha obra pode ter menos espectadores por moitos factores e un deles é unha mala publicidade.

Cando na cidade aparecen outros espectáculos ou alternativas culturais que non están organizados directamente polo Concello, pensas que teñen as mesmas opcións de difusión?

Uxía Morán, vocación e versatilidade
Foto: @bagaestudio

Mira, nesta cidade temos unha Escola Municipal de Teatro e Música, onde a mestra de teatro, levaba dous anos de baixa, este ano esa persoa xubilouse e esa praza non sae a concurso. Está clarísimo que as prioridades do Alcalde son programar en masa e con escaso valor cultural a excepción do Jazz e a música clásica (do gusto personal de Jácome) todos os amigos do alcalde terán un contrato menor “a dedo” e toda esta parafernalia e nesa Escola de Música e Teatro, vaise ofertar calquera praza de música que precise un substituto, en cambio a de teatro non. Nesta cidade hai moitas persoas formadas que poderíamos estar optando a esa praza. Xa no seu día tiven problemas coa obra de Ingobernable para usar o teatro, que está baleiro. Non me permitiron o uso por “se me lucraba”, como se unha rapaza que comeza no teatro profesional se fora a lucrar cos seus dous primeiros bolos.

Eu a día de hoxe son consciente de que me convertín nunha persoa totalmente independente, non dependo de subvencións. Traballo ó meu aire, os contacontos os busco eu, nin sequera estou en redes de difusión (bibliotecas…), son algo toxo, pero e que chega un momento en que nunha cidade que pon todo trabas prefiro ir así. Por exemplo Ingobernable funcionou moi ben pero non me ofreceron poder facer unha segunda función. Para min os dous espazos (Auditorio e Teatro Principal) son realmente hostís, se ben certo que o Teatro Principal é algo máis acolledor, pero non é doado facer representacións en Ourense.

Nalgunhas publicacións falas da Galiza profunda, defines así as fotos cando sales no medio rural. Que che aporta?

O arraigo, a razón pola que perpetuareime aquí. Non hai cousa que máis me guste que contar contacontos no rural. Porque gozo o camiño, os bosques, o verde, cruzarme cun xabarín…

A Galicia profunda para traballar trae debate, traballamos o feminismo, mesmo agora en Cartelle, que estreamos peza andan asustados. Querían eliminar a palabra “Feminista” de todos os lugares, que non sexamos radicais!, pero si algo teño claro eu nos contacontos é que son gamberra! Entón se me pos máis idade, máis gamberra vou ser (jajaja). Advertíronme de que se aparecía moito a palabra feminista, as nais non van traer ás crianzas ó espectáculo. Esta é a Galicia Profunda na que teño que traballar.

Esta cuestión conéctanos coa anterior pregunta sobre si avanzamos o suficiente ou non como sociedade, porque estás a falar de xente que rexeita a palabra Feminista.

Esta obra (Ser Feminista) é moi importante para iso. Eu traballo contacontos feministas con crianzas en temática infantil así como fago unha performance sobre violencia de xénero que este ano por fin puiden facela en Ourense, pero en canto o público ten unha certa idade, non ando a medias tintas, é violencia explícita.

Nos coles unha das preguntas que fago é Quen é machista que levante a man? E todos empezan a preguntarse -Iso que é?, outra pregunta é Quen é feminista que levante a man? E ninguén a levanta ou empezan a identificar femias/feminismo machos/ machismo. Entón cando eu comezo unha actividade de igualdade, que fan sempre nun marco do 25N ou do 8M e xa de base non saben o que é o machismo e o feminismo, cara onde imos?

Uxía Morán, vocación e versatilidade
Uxía Morán, vocación e versatilidade

O machismo é a base da violencia de xénero, entón empecemos polos conceptos. Esta é unha obra súper Gamberra onde con moito humor e moita picardía abrir ese debate, machista ou feminista? Nin machista nin feminista, igualdade, que significa unha cousa ou a outra? ti que eres? eu son feminista pero ó final contradiste. Imos a xogar cos termos, co machismo imperante e a facer unha terapia de choque para reconverter a Antea (protagonista de «Ser Feminista») ó feminismo.

Botón volver arriba