Os representantes de varios barrios de Ourense piden unha mellor atención por parte do concello para contribuír a reducir o aumento de incidencias.
A Deputada no Congreso, Marga Martín, e a secretaria xeral do PSdG do concello de Ourense, Natalia González Benéitez, mantiveron recentemente unha xuntanza con representantes de asociacións e colectivos veciñais de varios barrios da cidade.
Varios barrios de Ourense piden unha mellor atención
Un dos temas tratados afectaba ó aumento de incidencias con especial relevancia nos barrios do Vinteún, A Ponte e O Pino. Entre as causas que xustifican o aumento destas incidencias figuran unha suma de factores que provocan deficiencias en materia de seguridade.
Os representantes do PSdeG-PSOE presentarán unha moción no concello de Ourense para solicitar unha adecuada intervención por parte da administración local. «O propio Concello de Ourense e o seu goberno teñen un papel crucial neste senso, xa que este repunte de incidencias está vencellado ao estado de abandono e decadencia no que se atopan os nosos barrios en materia de limpeza, desbroce, iluminación e outros servizos básicos» sinala Natalia González.
Tamén se solicitará nesta moción que se aborde esta problemática na próxima reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense.
Lembra González que «a chegada da Alta Velocidade e o notable incremento turístico vencellado á mesma converteron a Estación Empalme e os seus arredores nun lugar de moito tránsito e tamén de maior actividade delitiva a pequena escala».