Rafael Rodríguez Villarino deixa a portavocía do grupo municipal do PSdeG-PSOE da cidade de Ourense trala elección de Francisco Rodríguez como candidato á alcaldía.
Unha vez coñecida a decisión da dirección socialista para recuperar a Francisco Rodríguez como candidato á alcaldía de Ourense, prodúcense os primeiros movementos.
Villarino deixa a portavocía municipal
Rafael Rodríguez Villarino, candidato á alcaldía en 2019 e actual voceiro do grupo municipal, anuncia que deixa esta última responsabilidade. «Non vou continuar como voceiro municipal do grupo socialista no concello de Ourense, pois a designación dun novo candidato debe corresponderse coa dun/dunha novo/a portavoz que transmita as súas directrices políticas ao grupo municipal no seo da actual corporación ata que remate o actual mandato e con vistas ás vindeiras municipais».
No comunicado emitido para anunciar a súa decisión, Rafael Rodríguez Villarino aproveita para agradecer o apoio recibido. «Quero amosar, finalmente, a miña gratitude polo recoñecemento percibido cara ao traballo feito, e pola confianza e o agarimo depositados na miña persoa ao longo dos anos nos que tiven a honra de se voceiro do grupo socialista no concello de Ourense».