O Concello de Ourense porá en marcha este domingo, 15 de xuño, os xogos acuáticos da Alameda do Cruceiro e as fontes transitables dos parques de Angelita Paradela, Ingabad e As Zapatillas, coincidindo co comezo da tempada de verán 2025.
Estas instalacións funcionarán todos os días ata o 15 de setembro, cun horario continuo de 10:00 a 21:00 horas.
Ourense abre as súas zonas de xogos acuáticos este domingo
A área de xogos acuáticos situada na rúa Concello, na Alameda do Cruceiro, contará coa presenza dun monitor en horario de tarde, de 16:30 a 21:00 horas. Este monitor será responsable do uso seguro e dinamizado do espazo.

Ademais, entre as 18:00 e as 19:00 horas, ofreceranse actividades lúdicas específicas organizadas por días da semana:
- os luns haberá globoflexia,
- martes, obradoiros de pulseiras,
- os mércores tatuaxes temporais,
- xoves, papiroflexia, e
- os venres, unha xornada máis festiva con ambientación musical, pintacaras e unha recompilación das actividades máis populares da semana.
Pola súa parte, as fontes transitables dos parques de Angelita Paradela, Ingabad e As Zapatillas tamén estarán dispoñibles para uso público no mesmo horario. Estas fontes ofrecerán unha alternativa refrescante e segura para a cidadanía durante os meses máis calorosos.
Estas propostas buscan fomentar o lecer ao aire libre e ofrecer espazos de encontro e diversión especialmente pensados para as familias e a infancia, converténdose nun dos atractivos do verán en Ourense.