O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou este xoves o avance das obras de asfaltado da rúa Sáenz Díez, acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.
A actuación forma parte do proxecto da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para mellorar 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, cun investimento superior aos 2,8 millóns de euros.
Obras de asfaltado na rúa Sáenz Díez de Ourense
Os traballos na rúa Sáenz Díez inclúen o fresado puntual e a reposición do firme nas zonas máis deterioradas. Posteriormente, estenderase unha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en toda a vía. O proxecto completarase co pintado da sinalización horizontal.

O desenvolvemento das obras obrigará a establecer itinerarios alternativos para o tráfico, co obxectivo de minimizar as molestias á cidadanía. Os desvíos estarán sinalizados e foron consensuados coa Policía Local de Ourense.
Manuel Pardo destacou que estas actuacións buscan mellorar a seguridade e comodidade de peóns e condutores. Ademais, o proxecto contempla medidas para mellorar a accesibilidade nos cruces e pasos de peóns. Tamén contempla a instalación de plaquetas podotáctiles, a execución de rebaixes e a ampliación de beirarrúas para crear refuxios.
O plan da Xunta inclúe tamén actuacións nas rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, Velázquez, Bispo Lourenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora.

