Conoce Ourense

Banda de Música e Cultura de Galicia

A Banda de Música e Cultura de Galicia (Ourense), anteriormente coñecida como Banda de Música do Concello de Barbadás, é xestionada dende 1996 pola Asociación Música e Cultura de Galicia, motivo polo que no 2016 decidiu cambia-lo seu nome, incluíndo nel o da Asociación que organiza e desenvolve a súa existencia e actividades.

Banda de Música e Cultura de Galicia

Máis de corenta músicos, dirixidos por José Manuel Dopazo Grande, compoñen na actualidade este colectivo, que dende a súa creación ten actuado en multitude de aldeas, vilas e cidades da Península Ibérica. Entre as súas actuacións máis salientables, convén citar as levadas a cabo na Semana Santa de Zamora, no San Joao de Braga, nos teatros principais de Ourense e Santiago, así como concertos, desfiles e festivais en Vigo, Oviedo, A Coruña, Pontevedra, Fafe, Bragança, Vilaverde, Viana do Castelo, Valencia, Trigueros e Valença do Minho.

En canto á súa participación en certames, esta banda estivo no I Festival Ibérico de Bandas da cidade portuguesa de Águeda; en Compostela, no I Certame Galego de Bandas de Música e na XXX Homenaxe ás bandas populares; e en Valencia, no 123 Certamen Internacional de Bandas Ciudad de Valencia.

Cartel proporcionado pola A. C. Música e Cultura de Galicia

Tamén levou a cabo varias actuacións para a Televisión de Galicia e a Segunda Cadea da Televisión Española. Así mesmo editou en 1997 un CD, baixo o título de Cultura 1915-1996; e no 2005 un segundo CD titulado Novo Milenio.

Este colectivo nútrese basicamente do alumnado da escola de música da súa Asociación, así como do Conservatorio Profesional de Ourense.

O repertorio da banda é moi variado, estando en condicións de interpretar concertos de moi diversa índole musical, como poden ser os de temática popular, clásica, relixiosa, moderna ou de bandas sonoras.

Banda de Música e Cultura de Galicia
Banda de Música e Cultura de Galicia actuando no Liceo de Ourense
Foto: A. C. Música e Cultura de Galicia

A Asociación Música e Cultura de Galicia conta a maiores cunha banda de iniciación e outra infantil. Nestas agrupacións, os músicos máis novos da escola desta Entidade comezan a introducirse no espazo, xeito de convivir e de actuar que posteriormente atoparán no seo da Banda de Música e Cultura de Galicia.

Ano de Fundación: 1996

Nome do director: José Manuel Dopazo Grande

Número aproximado de integrantes: 40

Contacto: justocalvio@yahoo.es Tel: 609 81 11 29

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba