A plataforma veciñal Auga Limpa Xa anunciou a súa reactivación na Limia e comarcas veciñas para apoiar a demanda presentada por veciños das Conchas, no concello de Lobeira.
Esta demanda será contra a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Trasmiras, Os Blancos e o propio Lobeira.
Auga Limpa Xa denuncia contaminación crónica no encoro das Conchas
A denuncia responsabiliza ás administracións de permitir «durante décadas» a contaminación do encoro das Conchas.
A organización lembra que, desde o ano 2019, vén canalizando a preocupación social por unha situación que, segundo advirten, supón un risco para a saúde da poboación. Apoiada en datos oficiais e estudos científicos incluídos na demanda, Auga Limpa Xa afirma que as augas superficiais, os acuíferos e os encoros da Limia están contaminados, e que esta realidade foi sistematicamente ignorada ou ocultada polas administracións competentes.
Durante anos, o movemento social impulsado pola plataforma desenvolveu un traballo constante de denuncia, información á veciñanza, e presión institucional. Deste xeito lograron incluso a constitución da chamada Mesa da Limia, da que xurdiu o Plan Estratéxico da Limia. Porén, segundo denuncian, aquel proxecto quedou en papel mollado: «Nada se fixo e todo ficou en promesas incumpridas«. Na reunión celebrada en Xinzo, participaron tanto membros da plataforma como un dos peritos que elaboraron os informes incluídos na demanda xudicial.

A través dun comunicado, Auga Limpa Xa expresou o seu total apoio ás persoas demandantes e afirmou que esta acción xudicial servirá para esclarecer tres aspectos fundamentais:
- as causas da degradación das augas da Limia,
- o tipo e grao de contaminación existente, e
- a responsabilidade dos cargos públicos que, segundo din, non actuaron malia as reiteradas alertas.
Medidas previstas
Ante a gravidade da situación, a plataforma propón tres medidas urxentes:
- A realización dun estudo epidemiolóxico por parte da Consellería de Sanidade para coñecer o impacto real na saúde da poboación.
- A intervención inmediata sobre as fontes da contaminación, con actuacións efectivas das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural.
- A ampliación dos puntos de toma de mostra por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, especialmente en zonas como Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín, e a declaración da Limia como Zona Vulnerable por contaminación de nitratos.
Auga Limpa Xa anuncia que nas próximas semanas levará a cabo novas accións informativas para sensibilizar á veciñanza. Cualifican esta situación como “un grave problema de saúde pública” que afecta a toda a comarca da Limia.