Para celebrar o Día das Letras Galegas e fomentar a lectura en galego, este domingo 18 de maio ás 11:00 horas presentarase o libro Terras de Vilariño de Conso. Historia, etnografía e patrimonio, unha obra de José Rodríguez Cruz e Carlos X. Ares Pérez.
O acto terá lugar na Praza de Vilariño de Conso, xusto antes do desfile da ViboMask 2025.
Presentación dun libro sobre Vilariño de Conso no Día das Letras Galegas
O libro estará dispoñible para a súa compra no ViBoMarket, ofrecendo así unha oportunidade perfecta para levarse a casa unha peza fundamental da memoria e identidade desta terra.
Durante o evento intervirán tamén Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso; Xosé Poldras, ilustrador da obra; Justo Calviño, escritor; e Rafael Quintía, editor. A presentación contará coa actuación musical do grupo de pandeireteiras de Vilariño, Ailalás, que porá o toque tradicional e festivo ao encontro.

Terras de Vilariño de Conso propón unha viaxe a través da historia, os costumes e o patrimonio deste concello ourensán, cun enfoque divulgativo e rigoroso. A obra converte un espazo rural en protagonista cultural, e reivindica o valor da tradición, da oralidade e da paisaxe como fontes de coñecemento.