O vindeiro domingo 24 de agosto, a partir das 11:00 horas, Allariz converterase no epicentro do piragüismo ourensán coa celebración da XXXV Regata Provincial de Piragüismo Festa da Empanada, unha proba puntuable para a Copa Deputación 2025.
Esta cita deportiva, que chega á súa cuarta edición dentro do calendario provincial tras pasar por Muiños, Castrelo de Miño e Barbantes, reunirá preto de cen padexeiros e padexeiras de toda a provincia, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.
XXXV Regata Provincial de Piragüismo en Allariz o 24 de agosto
As probas desenvolveranse no río Arnoia, ao seu paso pola vila alaricana, nun circuíto entre o edificio A Fábrica e a ponte románica, un escenario que combina deporte e patrimonio histórico.
En canto ás distancias, os máis pequenos das categorías pre-benxamín, benxamín e alevín afrontarán un percorrido de 1.000 metros, os infantís competirán sobre 2.000 metros, mentres que os cadetes terán por diante un trazado máis esixente de 4.000 metros.

A regata, xa tradicional na programación da Festa da Empanada de Allariz, consolídase como unha das probas con maior participación de base do calendario ourensán, sendo tamén un escaparate do potencial do piragüismo entre a mocidade.