O PSdeG-PSOE de Leiro esixe a renuncia inmediata do alcalde, Francisco José Fernández, tras recoñecer en pleno municipal que o mural pintado no centro cívico realizouse sen licenza urbanística nin comunicación previa.
Os socialistas consideran “de extrema gravidade” que o propio rexedor admitira a irregularidade, xa que supón un incumprimento “flagrante” da Lei do Solo de Galicia.
Esixen en Leiro a dimisión do alcalde tras un mural ilegal
Durante a sesión plenaria, os edís socialistas Manuel Rodríguez e Pedro José González acusaron ao alcalde de mentir publicamente e de xustificarse cun argumento “falso”. O alcalde afirmaba que “para unha obra que fai o concello na súa propiedade non temos que darnos licenza a nós mesmos”. Os socialistas lembran que a normativa autonómica obriga a tramitar licenza ou comunicación previa en toda intervención, sexa pública ou privada.

“Un alcalde que minte, que abusa da súa autoridade e que incumpre a legalidade non pode seguir representando a Leiro”, manifestaron Rodríguez e González, quen reclaman un goberno “transparente, que respecte a lei e á veciñanza”.
Ademais, o PSdeG-PSOE critica a actitude “ditatorial” do rexedor nos plenos municipais. Denuncian que Fernández pediu a dimisión do voceiro socialista acusándoo falsamente de denunciar ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cando só solicitara información. Tamén lembran que no pleno anterior o alcalde expulsou “de malas formas” ao mesmo concelleiro.
Os socialistas conclúen que “Leiro non pode permitirse un alcalde que minta e incumpra as normas que esixe ao resto da veciñanza” e reafirman a súa esixencia de que Francisco José Fernández abandone o cargo de inmediato.