O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe as obras de mellora e adecuación ao tránsito peonil e ciclista nun tramo de tres quilómetros da N-525 ó seu paso por Xinzo de Limia.
Durante a visita estivo acompañado polo alcalde, Amador Díaz.
Xinzo gaña tres quilómetros de carril bici e zonas verdes
Santos destacou que os traballos “son un exemplo da gran transformación da mobilidade que se está a levar a cabo na provincia”. Salientou que o obxectivo é “gañar espazos para as persoas e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Xinzo”.

A actuación, adxudicada por 4,2 millóns de euros (IVE incluído), inclúe a creación dun carril bici de tres quilómetros, zonas verdes e dúas novas glorietas. O proxecto tamén contempla a mellora das beirarrúas e da rede de servizos urbanos. Actualmente, xa están rematadas as beirarrúas ata a glorieta de acceso á A-52 e a instalación do colector de pluviais na marxe esquerda, mentres avanzan as obras na dereita.
O subdelegado subliñou que esta intervención forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e que se executa en coordinación co Concello de Xinzo. “Garantimos o mantemento dun carril por sentido durante toda a obra, con desvíos sinalizados para minimizar as afeccións”, explicou.
A actuación busca unha infraestrutura máis segura e sustentable. Para iso, elevaranse pasos de peóns e ciclistas, instalaranse atenuadores de velocidade e melloraranse as interseccións coa construción de dúas novas glorietas e o acondicionamento doutras dúas xa existentes.
Co remate das obras, Xinzo de Limia contará cun espazo urbano máis amable, accesible e conectado. Este fomentará o uso da bicicleta e os desprazamentos a pé, reducindo o tráfico interior e potenciando a convivencia cidadá.