O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, afirmou esta mañá que a oferta presentada onte polos comerciantes da Praza de Abastos número 1 é “unha proposta trampa”.
Ao seu xuízo destinada unicamente a atrasar o traslado dos postos desde a Alameda ao edificio rehabilitado do mercado municipal.
Jácome acusa os praceiros de presentar unha “proposta trampa”
Na xunta de portavoces celebrada na Alcaldía por petición do grupo municipal do PSdeG-PSOE, o rexedor expuxo aos demais grupos a folla de ruta que seguirá o goberno local tras a falta de presentación, dentro do prazo, do proxecto que o Concello requirira aos praceiros para executar o traslado definitivo ao novo inmoble.

Segundo explicou o alcalde, a proposta anunciada polos comerciantes consistía en cofinanciar, xunto coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, os custos de execución do traslado. Porén, condicionaban esa colaboración á prórroga do prazo da concesión do contrato de xestión da praza.
Pérez Jácome rexeita de plano esa opción: “Ampliar o prazo é unha proposta trampa, porque eles xa tiveron unha compensación por parte do Concello, de 7 anos de extensión do prazo do contrato da súa concesión máis un investimento de 700.000 euros no edificio provisional da Alameda onde desenvolven a súa actividade. Non podes volver compensar o que xa lles compensaches”. O alcalde insistiu en que “aquí hai un convenio que cumprir”.
Para o rexedor, o movemento dos praceiros forma parte “dunha manobra dilatoria máis, que o único que pretende é retrasar o traslado”, engadindo que “están moi cómodos na actual localización na Alameda”.
A reunión concluíu cun episodio tenso, que o propio alcalde relatou aos medios. Segundo a súa versión, o portavoz do BNG, Luis Seara, abandonou a Alcaldía pronunciando a expresión “a rañala!”. Pérez Jácome afirmou que isto xerou “un rifirrafe porque me parece totalmente improcedente e indigno dun portavoz dun partido político”.

