O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu esta mañá ás catro alumnas de 4º da ESO do colexio Santo Ángel (Alba, Jimena, Ainhoa e Ángela) para felicitalas polo éxito acadado co seu proxecto «Quitina».
Trátase dunha iniciativa educativa, científica e medioambiental que exhibiron recentemente na sede das Nacións Unidas durante o acto Youth as Agents of Change.
Alumnas do Santo Ángel presentan na ONU un proxecto pioneiro contra o plástico nas bateas
O recoñecemento internacional a este proxecto levou ás mozas ourensás a compartir espazo con centros e universidades de referencia mundial como Harvard ou o MIT, onde puideron coñecer laboratorios, investigacións de vangarda e experiencias de emprendemento social.

A participación permitiulles tamén explicar a orixe de Quitina, un traballo centrado en dar resposta a un problema pouco visibilizado pero crecente: a acumulación masiva de palillos plásticos empregados nas bateas galegas para o cultivo do mexillón, residuos que rematan no mar e nas praias.
As estudantes desenvolveron previamente unha ampla campaña de recollida por toda Galicia, na que contabilizaron máis de 15.300 palillos en diversos areais. A partir desse diagnóstico formularon unha alternativa baseada na economía circular: a creación de palillos biodegradables a partir de materiais naturais e de refugallo mariño, como algas e cunchas de mexillón, ostra ou vieira. Con estes elementos deron forma a un biocomposite ecolóxico, funcional e propio do territorio, demostrando que o mar pode deixar de ser fonte de residuos para converterse en solución sostible.
O delegado territorial subliñou a importancia de impulsar iniciativas como esta, que combinan innovación, conciencia ambiental e talento xuvenil. “Proxectos así amosan que a mocidade ourensá está preparada para liderar cambios reais”, sinalou durante o encontro.

