Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta os días 1 e 2 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense a proposta escénica A galiña azul, de Tanxarina Títeres, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Primaria.
Máis de 1600 estudantes de 42 centros educativos da cidade e da contorna participarán nas funcións programadas ás 10:00 e ás 12:00 horas.
A galiña azul chega a Ourense con máis de 1600 escolares como público
O espectáculo, recoñecido co Premio Fetén ao Mellor Espectáculo de Marionetas e co Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil no ano 2018, revive o clásico infantil no que Lourenzo convive cunha galiña moi especial: é azul, ten cinco plumas vermellas na ala dereita, pon ovos de cores e di “cocorocó” en lugar de “cacaracá”.

Esta diferenza esperta a preocupación das autoridades e serve de punto de partida para unha historia que reivindica a diversidade e a solidariedade a través de fermosos monicreques e unha narración chea de tenrura.
As artes escénicas ocupan un papel central na programación educativa de Afundación, deseñada para complementar a formación recibida nas aulas e impulsar valores como a creatividade, o talento, a autonomía ou o traballo en equipo. A entidade destaca que este tipo de propostas axudan a mellorar a observación, favorecen o diálogo e estimulan a reflexión crítica, ademais de fomentar habilidades sociais nun alumnado cada vez máis diverso.