Noticias

O BNG defende un novo estadio e cidade deportiva no Couto

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, xunto co deputado no Parlamento galego Iago Tabarés, presentou esta mañá en rolda de prensa o proxecto integral do BNG para a construción dun novo estadio e dunha cidade deportiva no barrio do Couto.

Luís Seara, portavoz nacionalista, contextualizou a proposta no debate social xerado polo estado do terreo de xogo do Estadio do Couto.

O BNG defende un novo estadio e cidade deportiva no Couto

“Estes días intensificouse o debate social polo lamentable estado do céspede. Tanto é así que o partido benéfico Xuntos contra o Lume, previsto inicialmente para Ourense, tivo que disputarse en Balaídos”, sinalou, citando declaracións do responsable de relacións institucionais do RC Celta.

O BNG defende un novo estadio e cidade deportiva no Couto
Foto: BNG

Seara lembrou que o estadio é propiedade da Xunta de Galiza e que a última reforma integral, realizada hai algo máis de tres anos, supuxo un investimento superior aos tres millóns de euros. “O BNG foi moi crítico con esa actuación porque non resolveu problemas estruturais como a accesibilidade, a funcionalidade, a visibilidade ou a comodidade”, afirmou.

Desde a formación nacionalista defenden que “rematou o tempo das esmolas e dos proxectos de baixo custo” e consideran necesario un novo estadio moderno e acorde ás necesidades actuais de Ourense. O BNG lembra que xa presentou unha proposta similar en 2019 e 2023, que considera viable económica e urbanisticamente, nos terreos situados por detrás da actual bancada de fondo.

Publicaciones relacionadas

Segundo explicou Seara, o proxecto permitiría resolver varias carencias á vez: a falta de instalacións deportivas, a escaseza de aparcadoiros coa creación dun estacionamento disuasorio, a desconxestión do tráfico na rúa e rotonda de Ervedelo mediante un novo acceso desde a N-525, e a humanización dunha zona degradada, revalorizando a súa contorna.

Colaboración da Xunta e o Concello

O portavoz do BNG indicou que para facer realidade esta iniciativa é necesaria “vontade política” por parte da Xunta e do Concello. A Xunta, porque dispón dos terreos, e o Concello, porque sería preciso modificar o PXOM para converter solo urbanizable, no que se prevén 1.000 vivendas, en solo dotacional. “O barrio do Couto non precisa máis vivenda nova; precisa espazos abertos e unha instalación deportiva de referencia”, subliñou.

Os nacionalistas avanzaron que levarán a proposta tanto ao Concello de Ourense como ao Parlamento de Galiza para buscar consenso. Neste senso, o deputado Iago Tabarés criticou que a Xunta “non desenvolve os proxectos estratéxicos que Ourense merece, senón que se limita a obras para saír do paso”.

Tabarés volveu referirse á imposibilidade de celebrar en Ourense o partido benéfico polos lumes e á “pésima imaxe que se proxecta da cidade cada vez que se televisa un partido no Couto”, como ocorreu recentemente na Copa do Rei. Ademais, puxo en cuestión as cifras investidas pola Xunta e asegurou que a reforma non abordou “cuestións tan relevantes como a accesibilidade, a seguridade ou a iluminación”, sinalando tamén a falta de mantemento do céspede.

Finalmente, o deputado do BNG anunciou que solicitarán á Xunta unha intervención integral inmediata no terreo de xogo, ao tempo que reclamou “respecto por Ourense”, acusando ao Goberno galego de desleixo coa cidade.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.