O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá no mercado de abastos da cidade na campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!”.
Esta iniciativa desenvólvese en distintos mercados galegos para reducir o desperdicio alimentario no Nadal.
Campaña da Xunta contra o desperdicio alimentario en Ourense
Manuel Pardo explicou que a Xunta aposta por un consumo sostible e responsable, co obxectivo de concienciar as familias sobre o impacto de tirar comida, fomentar hábitos de compra conscientes e poñer en valor os mercados municipais como espazos de produto de proximidade e calidade.

A campaña inclúe o reparto de máis de mil culleres de madeira con código QR, que permite acceder a receitas de aproveitamento, tamén dispoñibles en carteis nos mercados. “Queremos inspirar a reutilización das sobras con pratos tradicionais adaptados, como caldos ou empanadas”, sinalou o delegado.
Pardo lembrou a importancia dunha boa planificación das compras e destacou que, desde 2020, o desperdicio alimentario reduciuse nun 19%. Ademais, avanzou que o Goberno galego traballa nun Plan de acción contra o desperdicio alimentario, que busca reducir nun 50% o desperdicio na venda final e nun 20% as perdas na produción e subministración.

