Noticias

O PSOE de Barbadás pide a dimisión inmediata do alcalde

O Grupo Municipal Socialista de Barbadás esixe a dimisión inmediata do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, ao que acusa de encubrir e ocultar un presunto caso de acoso sexual cometido por un ex concelleiro contra unha militante socialista.

As concelleiras socialistas aseguran que o rexedor “non ten autoridade moral para liderar o concello” e critican que goberne “dende a hipocrisía e a falla total de principios morais e éticos”, deixando claro que “nós non imos branquear o acoso”.

O PSOE de Barbadás pide a dimisión inmediata do alcalde

As denuncias foron expostas nun pleno extraordinario celebrado este martes, no que se abordaron os feitos acontecidos nos últimos meses tras coñecerse o presunto caso de acoso sexual.

O PSOE de Barbadás pide a dimisión inmediata do alcalde
Foto: PSdG-PSOE

Segundo o PSOE, o alcalde tapou e cubriu a situación, mentres a vítima sufriu “presuntas coaccións e un trato intimidatorio por parte do rexedor”.

As socialistas sinalan como detonante final un manifesto impulsado polo propio alcalde contra o acoso sexual e unhas declaracións nun medio de comunicación nas que afirmaba que “hai que erradicar estas actitudes, apoiar as mulleres sempre que haxa coñecemento, pedir tolerancia cero e esixir que aqueles que cometen estes actos deixen os seus cargos públicos”. Tras estas palabras, a vítima decidiu dar o paso e denunciar.

Apoio á vítima e saída do goberno

A voceira socialista en Barbadás, Victoria Doforno Morenza, asegurou durante a súa intervención que as cinco concelleiras socialistas “estaremos unha e mil veces a carón das vítimas, desta vítima e das mulleres que dan o paso e denuncian”, defendendo tamén “a igualdade, o respecto, a dignidade e os valores democráticos”. Nese sentido, foi contundente: “contra o acoso, tolerancia cero”.

Doforno explicou que a decisión de abandonar o goberno municipal responde a unha “posible vulneración do principio básico de seguridade da vítima”, xa que, segundo denunciou, o alcalde non tomou medidas inmediatas e a actuación contra o presunto acosador “demorouse no tempo”. A edil aclarou que respectaron os tempos da vítima, pero que si puxeron os feitos en coñecemento do rexedor, quen adoptou “medidas inadecuadas” que derivaron nunha baixa psicolóxica da vítima entre o 14 de agosto de 2024 e o 22 de xaneiro de 2025.

A voceira tamén lembrou que o presunto acosador “foi lobado polo alcalde na súa despedida”, algo que para a vítima supuxo “un cúmulo máis de circunstancias”. Para Doforno, “o máis importante é apoiar á vítima, por riba de calquera cargo político ou interese doutro tipo”, e criticou que non sexa momento de “andar de rodaxe na televisión”.

Acusacións directas ao rexedor

Segundo relatou a voceira, a vítima fala sempre de “presuntas coaccións e trato intimidatorio por parte do alcalde”. As concelleiras socialistas, engadiu, “actuamos con coherencia, dignidade e valentía” e decidiron marchar do goberno ao considerar traizoados os valores que representan. Ademais, subliñou que son maioría no grupo socialista, con cinco concelleiras fronte a dous edís, e que representan o voto socialista en Barbadás.

Doforno afirmou que “non era digno seguir nun goberno cun alcalde que carece de credibilidade e moralidade” e denunciou que o rexedor lles advertiu reiteradamente de que “non se podía dicir nada” sobre o presunto caso, ameazando con cesalas se falaban. Tamén criticou que realizase comentarios “dolorosos e irrespectuosos” que provocaron novos episodios traumáticos na vítima. Segundo indicou, cando esta decidiu denunciar, “nós acompañámola”, e avanzou que en breve podería presentar denuncia xudicial.

No segundo turno de intervención, a voceira socialista reclamoulle ao alcalde desculpas públicas por facer referencia a cuestións da vida privada dunha das mulleres afectadas durante o pleno. Ademais, advertiu de que “hai máis mulleres que sufriron este mesmo patrón de acoso por parte deste ex concelleiro”, con mensaxes “irrespectuosos e inadmisibles”.

Cronoloxía dos feitos denunciados polo PSOE

Segundo o relato das concelleiras socialistas:

  • 1 de agosto de 2024: comunícaselle ao alcalde unha situación de presunto acoso sexual.
  • 2 de agosto: non se adopta ningunha medida e a vítima aparece nun acto público xunto ao presunto acosador.
  • 14 de agosto: a vítima colle baixa psicolóxica ata o 22 de xaneiro.
  • 6 de setembro: máis dun mes despois, o concelleiro dimite e é despedido con eloxios do rexedor.
  • Setembro e outubro: o alcalde contacta coa vítima a pesar da baixa.
  • 12 de decembro de 2025: o rexedor publica un comunicado pedindo dimisións por casos de acoso noutro concello.
  • 15 de decembro: a vítima presenta denuncia pola canle interna do partido.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.