As SS.MM. os Reis Magos de Oriente visitarán Ramirás o vindeiro 5 de xaneiro, confirmando un ano máis a súa presenza no municipio grazas á Asociación Cultural Rebulir e co apoio do Concello de Ramirás.
A tradicional visita percorrerá distintos puntos do Val do Tuño, achegando a maxia do Nadal á veciñanza.
Rebulir organiza a visita dos Reis Magos a Ramirás
Durante a xornada, Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán a poboación desde os seus vehículos oficiais, desprazándose por diferentes núcleos do concello. O programa inclúe tamén a visita á Residencia de Maiores de O Mosteiro e a recepción de nenos e nenas no Centro Cultural de O Picouto, dous dos momentos máis emotivos da xornada.

A comitiva real estará integrada por vehículos antigos, destinados ao uso persoal de cada un dos reis e da súa corte. Ademais, contará coa garda real, encargada da seguridade das SS.MM., e co servizo de Protección Civil, que acompañará todo o percorrido para garantir o correcto desenvolvemento da visita.
Un dos protagonistas destes días previos é o carteiro real, que ten aberta unha oficina provisional no Centro Cultural de San Andrés (Vilavidal). Como novidade, a oficina postal incorporou este ano un enderezo electrónico para que os máis pequenos poidan enviar as súas mensaxes ás SS.MM., que tentarán responder persoalmente a cada correo recibido. A carteira real tamén estará presente o día 5 pola tarde para facilitar o envío das últimas cartas.
Xunto coa visita real, retómanse os tradicionais cantos de reis. Membros da Asociación Cultural Rebulir percorrerán establecementos, camiños e corredoiras da contorna pedindo o aguinaldo e solicitando a atención da veciñanza, recuperando así unha tradición popular moi vencellada a estas datas.

