O PSdeG de Ourense celebra que o Concello rectifique a súa decisión inicial sobre o parque canino de Barrocás, atendendo ás reiteradas peticións socialistas e ao rexeitamento expresado pola veciñanza da zona.
Desde o grupo municipal, esixen agora transparencia ao executivo local para coñecer a nova localización do proxecto.
O PSOE celebra a rectificación co parque canino de Barrocás
Dende o primeiro momento, as edís socialistas trasladaron ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a necesidade de escoitar ao barrio antes de consolidar un emprazamento que xeraba un claro malestar social.

Esta postura foi defendida tamén na Xunta de Área de Urbanismo do mes pasado, na que a portavoz do PSOE, Natalia González, preguntou expresamente pola posibilidade de buscar unha alternativa.
Segundo recolle a acta da reunión de decembro deste órgano colexiado, a resposta inicial do executivo municipal foi que non se contemplaba ningún cambio de lugar. Con todo, poucos días despois, o propio alcalde anunciou publicamente que o parque canino non se situará finalmente no parque Angelita Paradela, recoñecendo a necesidade de atopar unha mellor localización.
“O importante é que se corrixa unha decisión que non contaba co consenso do barrio. O tempo demostrou que as nosas advertencias ían na boa dirección”, afirma Natalia González, portavoz do PSdeG no Concello de Ourense.
A partir desta rectificación, as socialistas consideran imprescindible que o Concello dea explicacións claras e públicas sobre cal será o novo emprazamento proposto. Tamén reclaman información sobre se este cambio pode afectar ao financiamento comprometido pola Xunta de Galicia e se a Administración autonómica acepta a nova alternativa que propoña o goberno local.
“O Concello ten a obriga de explicar onde se vai situar finalmente o parque canino e se este cambio garante o mantemento do financiamento do executivo autonómico. A transparencia non é opcional cando se trata de actuacións que afectan directamente á convivencia dos e das ourensás”, sinala González.
Dende o PSOE de Ourense lembran, ademais, que este proxecto, anunciado en novembro de 2025, debe desenvolverse con planificación, diálogo e transparencia, garantindo a convivencia veciñal e o correcto uso dos espazos públicos da cidade.

