Noticias

O BNG defende un novo estadio e unha cidade deportiva en Ourense

O Estadio do Couto, propiedade da Xunta de Galiza, presenta deficiencias estruturais, problemas de accesibilidade, iluminación insuficiente e unha escasa funcionalidade, segundo denuncia o BNG.

Este partido considera imprescindible a construción dun novo recinto deportivo en Ourense.

O BNG defende un novo estadio e unha cidade deportiva en Ourense

O portavoz nacionalista, Luís Seara, lembra que “pese ás diferentes reformas e lavados de cara realizados nos últimos anos, ningún dos problemas de fondo foi solucionado”. A última inversión da Xunta ascendeu a 2.569.542,30 euros, dos cales 765.307,20 euros destináronse á reforma integral do terreo de xogo.

O BNG defende un novo estadio e unha cidade deportiva en Ourense
Foto: BNG

Para o BNG, o estadio actual adoece de “deficiencias na accesibilidade, iluminación, sinalética, megafonía e distribución dos espazos”, o que o converte nunha infraestrutura “pouco operativa tanto para os deportistas como para o público”. Por este motivo, a formación nacionalista defende que é necesario abordar sen máis demoras a construción dun novo Estadio do Couto, máis cómodo, moderno, accesible e funcional, especialmente tendo en conta que é utilizado de forma simultánea por dous clubs.

Desde o BNG lembran que xa en 2019 e 2023, con motivo das eleccións municipais, “presentamos unha proposta ambiciosa que transcende o ámbito futbolístico e que permitiría paliar a carencia de instalacións deportivas na cidade”. A iniciativa aposta por desconxestionar as actuais infraestruturas deportivas de Ourense e crear un espazo de referencia para o deporte.

A proposta nacionalista pasa pola construción dun novo estadio nos terreos situados nas traseiras da actual bancada de fondo sur, onde a Xunta dispón dunha parcela de 10.000 metros cadrados, ampliable con outros 27.000 metros cadrados adicionais. “Consideramos que O Couto e a cidade precisan infraestruturas vinculadas ao ámbito deportivo”, sinala Seara.

Unha nova cidade deportiva

O actual estadio transformaríase nunha cidade deportiva, mantendo “elementos históricos como a tribuna e a súa singular cuberta”. O novo complexo incluiría un campo de fútbol de herba sintética, un espazo multiusos, ximnasio e pistas polideportivas cubertas, para garantir o seu uso durante todo o ano.

Segundo o BNG, trátase dun “proxecto ambicioso pero crible e realizable, tanto desde o punto de vista urbanístico como económico”. A formación defende “proxectos realistas e transformadores que dean solucións ás demandas da veciñanza”.

Luís Seara conclúe destacando que “a colaboración institucional é fundamental para facer realidade esta proposta” e subliña que, a través da moción presentada, “poñemos enriba da mesa unha idea concreta pero aberta ao debate, co obxectivo de sentar as bases dun verdadeiro proxecto de cidade”.

Botón volver arriba