Noticias

O PSdeG critica o “caos” da mobilidade en Ourense

O PSdeG critica a xestión da mobilidade en Ourense por parte do goberno de Gonzalo Pérez Jácome. Acusan ó rexedor de improvisar e suspender medidas sen planificación, deixando a cidade nun “caos crecente”.

A voceira socialista no Concello, Natalia González, asegurou que “prohibir, retirar e improvisar, ese é o modelo de mobilidade do alcalde”. Afirmou que a situación actual é “o resultado directo da improvisación do goberno municipal”.

O PSdeG critica o “caos” da mobilidade en Ourense

A entrada en vigor da ZBE a finais de 2025 e a eliminación da ORA a comezos de 2026 xeraron máis desconcerto entre a cidadanía. Isto sucedeu pola falta de información e provocou un aumento do descontrol viario, con atascos máis frecuentes, especialmente nos días de choiva.

O PSdeG critica o “caos” da mobilidade en Ourense

Para as socialistas, o modelo de transporte urbano imposto polo executivo local agravou o problema. “A golpe de debuxos con rotulador, o resultado é máis tráfico de procura, máis contaminación, máis tempo perdido e máis prexuízos para residentes e comercio”, analizou González.

Desde o PSdeG lembran que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) está aprobado e define as liñas de actuación. “O problema é que o goberno municipal decidiu non executalo”, subliñou a portavoz.

Propostas socialistas para o pleno

Ante esta situación, o grupo municipal socialista defenderá no pleno ordinario de xaneiro unha iniciativa para esixir, con carácter urxente, un plan de aparcamento e mellora da mobilidade. A proposta inclúe medidas inmediatas como aparcadoiros disuasorios e modulares, a habilitación de solares públicos e privados, sistemas intelixentes de estacionamento para residentes, microhubs urbanos de distribución e a eliminación do feísmo urbano derivado da supresión da ORA e dos parquímetros abandonados nas rúas.

Recuperación da Alameda

Noutra moción, o PSdeG reclama a recuperación e rehabilitación da Alameda como espazo de uso público. González criticou o uso político deste espazo nos últimos meses. Tamén defendeu que “a Alameda non pode seguir sendo unha arma populista nin unha escusa para non facer nada”.

“É imprescindible pechar esta etapa de provisionalidade cronificada, garantir unha solución definitiva para a actividade da Praza de Abastos e acometer unha recuperación integral da Alameda, devolvéndolle o seu carácter de espazo público aberto, verde e de convivencia cidadá”, afirmou.

O texto rexistrado polos socialistas insta ao goberno municipal a redactar un proxecto integral de rehabilitación da Alameda. Este contemplará a reparación dos danos pola ocupación prolongada, a recuperación do xardín histórico e das zonas verdes, a renovación do mobiliario urbano e a mellora da iluminación, accesibilidade e seguridade, todo baixo criterios de sostibilidade ambiental e conservación patrimonial.

Ademais, o PSdeG pide que estas actuacións conten con dotación orzamentaria nos vindeiros presupostos municipais. Estes garantirán procesos de información, transparencia e participación cidadá no deseño e execución do proxecto.

Botón volver arriba