COPASA sitúase como principal candidata ao novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria en Ourense tras presentar a mellor oferta económica e técnica no concurso público convocado polo Concello.
A mesa de contratación reuniuse esta mañá nas dependencias do Servizo de Contratación municipal para proceder á apertura das ofertas económicas.
COPASA presenta a mellor oferta para o servizo de lixo en Ourense
Esta unión temporal de empresas formada pola ourensá COPASA e Setec Building rexistrou a proposta máis vantaxosa, cunha baixa do 6,15 %, o que supón preto dun millón de euros menos ao ano respecto ao prezo de licitación.

A oferta presentada pola UTE COPASA–Setec Building ascende a 13.839.013,55 euros máis IVE anuais, situándose claramente por diante das demais candidaturas. A seguinte proposta mellor valorada, cunha baixa do 3,72 %, corresponde á UTE integrada por Valoriza Servicios Medioambientales, Ingeser Atlántica e Promotora y Desarrolladora Mexicana de Infraestructura.
Ofertas económicas presentadas
- UTE SA de Obras y Servicios, COPASA — Setec Building SLU: 13.839.013,55 € máis IVE/ano (6,15 % de baixa).
- UTE Valoriza Servicios Medioambientales SA — Ingeser Atlántica SL — Promotora y Desarrolladora Mexicana de Infraestructura SA de C.V.: 14.197.338,57 € máis IVE/ano (3,72 %).
- UTE Extraco, Construcións e Proxectos — Rede Ambiente-Engenharia e Serviços SA: 14.279.915,77 € máis IVE/ano (3,16 %).
- UTE Acciona Servicios Urbanos SL — Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales SL: 14.329.740,54 € máis IVE/ano (2,82 %).
Tras a apertura das ofertas, a UTE liderada pola empresa ourensá perfílase como a gañadora do concurso, ao obter tamén a mellor puntuación técnica. O contrato terá vixencia ata o ano 2036. A actual concesionaria, na que participa FCC como socia de COPASA, quedou excluída do procedemento por un erro na documentación presentada.
O goberno municipal prevé adxudicar o contrato antes de abril de 2026. Desde o executivo local aseguran que “haberá unha mellora inmediata do servizo” e avanzan que o salto cualitativo será maior nun prazo de 14 meses, coa incorporación de nova maquinaria e novos camións. Ademais, indican que o concurso para a subministración de novos contedores está a piques de resolverse e que estes chegarán á cidade nun prazo aproximado de cinco meses.

