O Concurso de comparsas e carrozas do Desfile de Entroido de Ourense repartirá 25.000 euros en premios na edición de 2026, segundo vén de aprobar o Concello nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local.
O certame busca incentivar a participación no desfile do domingo de Entroido, 15 de febreiro, unha das citas con máis seguimento da programación festiva da cidade.
Ourense repartirá 25.000 € no concurso do Entroido
O prazo de inscrición abrirase este martes, 13 de xaneiro, e permanecerá aberto até o 10 de febreiro ás 14.00 horas. Poderán anotarse asociacións veciñais, culturais e xuvenís, grupos, centros educativos e outras agrupacións que desexen participar no desfile.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, defendeu a continuidade das contías económicas, sinalando que “o ano pasado aumentamos a contía dos premios, deu bo resultado e os mantemos para este ano. É o mellor desfile do Entroido de Galicia, o que máis público ten, o de máis calidade e o que ten mellores premios”. O rexedor asegurou tamén que “na cidade, xunto cos entroidos de toda a provincia, estamos facendo o mellor Entroido do norte de España, con moita diferenza”.
Categorías e premios
O concurso establece premios de até 1.500 euros para comparsas e de até 1.000 euros para carrozas. A distribución económica queda configurada do seguinte xeito:
Comparsas con máis de 10 compoñentes
- 1º premio: 1.500 €
- 2º premio: 1.000 €
- 3º premio: 800 €
- 4º premio: 500 € (con catro accésits nesta categoría)
Comparsas con menos de 10 compoñentes
- 1º premio: 500 €
Premios especiais
- Á máis numerosa: 500 €
- Á máis enxeñosa: 500 €
Carrozas
- Premio único de 1.000 € ao mellor deseño, execución e posta en escena.
Axudas por participación
Ademais dos premios, o Concello de Ourense destina até 17.200 euros en axudas para aqueles grupos que completen o desfile e non obteñan galardóns.
- Carrozas: 200 euros por vehículo.
- Comparsas:
- De 5 a 9 compoñentes: 100 €
- De 10 a 29 compoñentes: 200 €
- De 30 a 49 compoñentes: 300 €
- De 50 compoñentes en adiante: 400 €
Inscrición e información
As persoas interesadas poden consultar as bases no documento adxunto. A presentación das solicitudes poderá realizarse a través do Rexistro Xeral ou da Sede Electrónica, sendo esta última obrigatoria para asociacións e entidades.

