O BNG de Barbadás reclamará no Pleno municipal o cumprimento efectivo da normativa de normalización lingüística.
Tamén solicita a creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística, co obxectivo de garantir o uso habitual do galego na administración local.
O BNG reclama normalización lingüística en Barbadás
A iniciativa será debatida este luns, 12 de xaneiro, a través dunha moción. Nela, o grupo nacionalista propón coordinar a elaboración, implementación e avaliación dun Plano Municipal de Normalización do Galego.

Segundo explican desde o BNG, o servizo tamén debería asesorar a todos os departamentos municipais, supervisar a calidade lingüística de documentos, sinalización e comunicación oficial, así como promover campañas de sensibilización entre a cidadanía e o persoal municipal.
O portavoz do BNG en Barbadás, Sarín Núñez, lembra que “o Estatuto de Autonomía de Galiza estabelece que o galego é a lingua propia do país e que os poderes públicos deben garantir o seu uso normal e oficial, potenciando o seu emprego en todos os ámbitos da vida pública”.
Núñez fai referencia tamén á Lei de Normalización Lingüística e á normativa específica para as entidades locais. Asegura que “pese a este sólido marco legal, no Concello de Barbadás detéctanse prácticas que diverxen claramente destas obrigas”. Segundo indica, estas situacións prodúcense no atendemento ao público, na redacción de escritos da Policía Local, na impartición de cursos municipais e mesmo no uso lingüístico dalgúns membros do goberno local.
Desde a formación nacionalista consideran que “para reverter esta situación de forma eficaz e permanente é imprescindíbel dotar o municipio dunha estrutura técnica específica que centralice, promova e garanta o cumprimento da legalidade lingüística”.
A moción do BNG tamén pon o foco na integración das persoas migrantes. Segundo explican, “a lingua galega é un vehículo fundamental de inclusión e pertenza”. Propoñen desenvolver políticas activas que faciliten o seu coñecemento e uso. Neste sentido, lembran que a Xunta ofrece aos concellos a posibilidade de integrarse na Rede de Dinamización Lingüística. Esta ofrece cursos gratuítos dirixidos á poboación recentemente chegada.

