Noticias

Humanizada a praza de Fonteboa en San Cibrao

A humanización da praza de Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas, quedou rematada tras un investimento superior aos 133.000 euros, financiado nun 70% pola Xunta de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado da alcaldesa, Marta Novoa, supervisou esta mañá o resultado final das obras incluídas nun acordo de cooperación coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Humanizada a praza de Fonteboa en San Cibrao

A actuación desenvolveuse na praza situada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da Auga, cunha remodelación integral do espazo.

Humanizada a praza de Fonteboa en San Cibrao
Foto: Delegación da Xunta

Os traballos incluíron a pavimentación completa, combinando lastras de granito e formigón, a mellora do sistema de drenaxe e a creación dunha beirarrúa de dous metros de ancho para facilitar a accesibilidade.

Entre as intervencións máis destacadas figura a demolición do antigo muro e do lavadoiro, que foron posteriormente reconstruídos, así como a instalación de novo arborado, mobiliario urbano e iluminación pública. En concreto, colocáronse dúas novas luminarias, un cartel identificativo coa lenda “Fonteboa”, catro alcorques con árbores, catro xardineiras con arbustos, ademais de seis bancos e papeleiras.

Manuel Pardo explicou que esta actuación se enmarca no plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar aos concellos na mellora e humanización de espazos públicos. Segundo indicou, este tipo de proxectos teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

O delegado territorial subliñou que desde a Xunta “consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes e incrementando o atractivo das vilas e dos núcleos rurais”.

Botón volver arriba