Noticias

Denuncian filtracións e frío no CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense

As edís do grupo municipal socialista e a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta mantiveron un encontro coa comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña, en Ourense.

O encontro serviu para analizar a situación que sofren profesorado e alumnado desde hai meses pola falta de actuación nas instalacións do centro.

Denuncian filtracións e frío no CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense

Desde o PSdeG no Concello de Ourense lembran que en decembro de 2023 a Xunta anunciou publicamente a reforma integral do centro. Indican que a licitación se realizaría ao longo de 2024 e que o inicio das obras estaba previsto para finais dese mesmo ano.

Denuncian filtracións e frío no CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense
Foto: PSdG

Estas actuacións formaban parte do denominado plan de nova arquitectura pedagóxica do Goberno autonómico.

Transcorreu xa máis dun ano desde ese anuncio e a realidade que vive a comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña evidencia a distancia entre as promesas da Xunta e a súa acción real”, lamenta a voceira socialista no Concello e secretaria xeral do partido na cidade. Segundo explica, “na actualidade existen aulas pechadas pola entrada de auga e polas baixas temperaturas, e os danos provocados por un temporal no ano 2025 só se cubriron con arranxos provisionais, sen abordar a reforma estrutural necesaria”.

A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, advirte de que a inacción da Xunta agravou progresivamente os danos no colexio. A entrada continuada de auga estaría a causar problemas na instalación eléctrica, con cortes de subministración que afectan directamente ao funcionamento da caldeira de calefacción. “Resulta inconcibible que non se poidan garantir condicións térmicas axeitadas, obrigando a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos a permanecer nas aulas e no comedor escolar coas chaquetas postas durante toda a xornada”, sinala.

Solucións provisionais

Como medida extraordinaria, o centro recorreu ao alugueiro dun canón de calor a gasolina que se despraza por distintas dependencias do colexio. Para o PSdeG, trátase dunha solución improvisada, insuficiente e impropia dun centro educativo público do século XXI.

Ante esta situación, e segundo explica o grupo socialista, Carmen Rodríguez Dacosta presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas. Estas esixen que se liciten de maneira inmediata e con carácter de urxencia as obras de reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense. As socialistas consideran urxente esta actuación tendo en conta o agravamento dos danos nas instalacións e as condicións actuais do centro.

Botón volver arriba