Xinzo de Limia reforza a seguridade do Entroido 2026 tras a celebración da Xunta de Seguridade, convocada este mércores no Concello para coordinar o amplo dispositivo que velará polo bo desenvolvemento da festa.
A primeira xornada clave será o Sábado Petardazo, ante a previsión dunha elevada afluencia de visitantes.
Xinzo blinda a seguridade do Entroido 2026
A reunión serviu para fixar as liñas de actuación de cara aos días grandes do ciclo, con especial atención aos eventos multitudinarios.

Unha das principais novidades aplicarase o sábado 24 de xaneiro, cando se implantará un control exhaustivo de aforo nos accesos á Praza Carlos Casares a partir das 21:00 horas.
Durante o Petardazo, tamén se restringirá a entrada de recipientes de cristal no recinto. Para facilitar a colaboración da veciñanza e das persoas asistentes, a organización entregará vasos de material alternativo nos puntos de acceso. Ademais, ese día contarase co apoio do camión de mando avanzado da AXEGA e coa instalación dun hospital de campaña. Este tamén estará operativo no Sábado de Entroido para atender calquera incidencia de maneira inmediata.
O dispositivo de seguridade volverá contar cun importante reforzo de efectivos da Garda Civil, Policía Local, Bombeiros e voluntariado de Protección Civil e Cruz Vermella. A vixiancia intensificarase tanto no casco vello como nos accesos á vila. Haberá controis preventivos destinados a garantir unha mobilidade segura nos días de maior concorrencia.
No ámbito da prevención e do apoio social, o Punto Violeta centralizará a súa actividade nun local físico situado na Avenida de Madrid, número 1. Este servizo de información e auxilio fronte ás condutas de acoso estará operativo tanto no Sábado Petardazo como durante todos os días grandes do Entroido.
Dende o Goberno local e as autoridades de seguridade faise un chamamento á responsabilidade individual, co obxectivo de que o Entroido de Xinzo de Limia 2026 continúe a ser unha festa multitudinaria, segura e exemplo de convivencia.

