O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, lembró hoxe a apertura do prazo das axudas ao comercio local, dirixidas a apoiar proxectos de innovación, dixitalización e sostibilidade, durante unha visita á florería Brioenflor, na cidade.
A convocatoria permanece aberta desde o pasado venres 16 de xaneiro e as solicitudes poden presentarse de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta.
O comercio local de Ourense opta a novas axudas autonómicas
Durante a visita, Manuel Pardo explicou que Brioenflor é un dos negocios ourensáns que xa se beneficiou destas medidas en anos anteriores, o que exemplifica o impacto positivo destas liñas de apoio no tecido comercial.

Segundo indicou, entre os establecementos beneficiarios figuran ópticas, ortopedias, xoiarías, comercios de alimentación, tendas de roupa e material deportivo, zapaterías e negocios de téxtil para o fogar, entre outros.
No conxunto da provincia de Ourense, o delegado territorial destacou que na orde de 2025 resultaron beneficiarios 65 negocios, dos cales 58 son comerciantes retallistas e 7 obradoiros artesáns, cun volume de axudas que roza os 385.000 euros. Estas achegas tiveron como obxectivo facilitar a adaptación ás novas tendencias de consumo, a través da incorporación de tecnoloxías, a mellora dos equipamentos, o acondicionamento dos locais comerciais e o compromiso ambiental.
O programa conta cun orzamento total de arredor de 4 millóns de euros e estrutúrase en tres liñas compatibles entre si: unha orientada á dixitalización e innovación comercial, outra á modernización e mellora da imaxe dos establecementos, e unha terceira centrada en incrementar a sostibilidade ambiental, especialmente no uso responsable das embalaxes.
Entre as novidades desta edición, destaca a posibilidade de que unha mesma empresa poida solicitar axudas para varias tendas, así como a ampliación do período subvencionable para incluír actuacións realizadas desde o remate do prazo da orde anterior, fixado no 25 de outubro de 2025. Ademais, simplifícase a tramitación ao reducir a documentación complementaria esixida e increméntase a intensidade da axuda, que pasa do 80 % ao 90 % no caso dos establecementos integrados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.

