Noticias

O PSdeG esixe explicacións polo risco no acceso ao CEIP Irmáns Villar

O PSdeG rexistrou unha batería de preguntas no Concello de Ourense para reclamar explicacións urxentes ao goberno local pola situación de risco no acceso ao CEIP Irmáns Villar, derivada das obras que se executan na rúa Peña Trevinca.

Desde o grupo municipal socialista lembran que, aínda que a actuación está promovida pola Xunta de Galicia, o Concello é corresponsable en materias clave como a seguridade vial, a protección da infancia, o control do espazo público e a defensa do patrimonio arbóreo urbano.

O PSdeG esixe explicacións polo risco no acceso ao CEIP Irmáns Villar

“Non vale agocharse detrás doutra administración cando está en xogo a seguridade de nenos e nenas”, advirten desde a formación.

O PSdeG esixe explicacións polo risco no acceso ao CEIP Irmáns Villar
Natalia González Benéitez

Segundo explican as socialistas, o único acceso habilitado ao centro educativo discorre actualmente por unha zona de obras con maquinaria pesada e cun paso peonil provisional que a comunidade educativa leva días denunciando como perigoso. A situación mantense, aseguran, malia as reiteradas advertencias das familias e do profesorado.

A voceira do PSdeG, Natalia González, sinala que “as familias e o profesorado reclamaron sen éxito medidas básicas como a presenza da Policía Local nas horas de entrada e saída do alumnado, algo que si se aplica noutros colexios da cidade”. Para González, “houbo avisos, houbo queixas e houbo tempo para reaccionar, pero non se fixo nada; é inadmisible a pasividade do executivo municipal ante unha situación de risco evidente”.

A esta problemática engádese o que o grupo socialista cualifica como unha “chapuza medioambiental”, tras o formigonado dos plátanos de sombra existentes entre a estación de San Francisco e o CEIP Irmáns Villar, sen alcorques axeitados. Esta actuación, denuncian, pon en perigo a supervivencia de árbores adultas nun espazo que funciona como refuxio climático consolidado. “Debería ser un exemplo de coidado urbano nunha contorna educativa”, subliñan.

Desde o PSdeG advirten de que Ourense non pode avanzar cara a unha cidade deshumanizada, na que se maltrata o patrimonio verde e se improvisa cando está en xogo a seguridade da infancia. Por iso, reclaman respostas claras e inmediatas por parte do Concello e a adopción urxente de medidas correctoras, tanto para garantir un acceso seguro ao CEIP Irmáns Villar como para reparar os danos ambientais provocados polas obras.

Botón volver arriba