O Entroido 2026 de Barbadás aposta pola tradición e pola seguridade cun programa amplo no que non faltan mecos, regueifas, charangas nin cantos de taberna, segundo avanzou o goberno local na presentación oficial celebrada esta mañá.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que “este ano temos unha programación intensa e extensa”, pensada para todos os públicos e cun marcado carácter popular.
Barbadás presenta un Entroido 2026 marcado pola tradición
A programación comezou xa esta semana cos obradoiros de compadres e comadres nos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro. Tamén hai propostas como o obradoiro da máscara dos Follateiros de Lobios ou as regueifas infantís, antesala dos días grandes do Entroido.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, explicou que o desfile infantil do venres 13 incorpora cambios respecto a anos anteriores, recuperando o modelo no que cada centro educativo desfila por separado. Morgade insistiu en que a modificación responde a criterios de seguridade, fronte ás críticas vertidas polo PSdeG. Nesa liña, Valcárcel lembrou que “o ano pasado amoreáronse máis de 1.000 nenos e nenas nun tramo moi pequeno”.
Pola súa banda, o tenente alcalde e concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, subliñou a necesidade de garantir a mobilidade e a seguridade nunha vía con tráfico denso en horas punta, así como a decisión de suprimir a discoteca móbil do venres pola noite tras os incidentes rexistrados na edición anterior. “Este goberno municipal non vai permitir situacións de intoxicación etílica, vandalismo ou pelexas”, asegurou.
Programación do Entroido de Barbadás 2026
O pregón do Entroido, a cargo de Xusto Calviño e o Grupo defensor do Meco, terá lugar o venres na Glorieta da Familia. Este acto estará acompañado pola actuación do Grupo Zoadeira e polos cantos de taberna de Cuncas do Son, que animarán os locais hostaleiros da Valenzá ata as 22:30 h. A música continuará o sábado co percorrido da Charanga Big Band polas aldeas, de 17:00 a 21:30 h. Na xornada do domingo pola mañá, será a Charanga Europa a que actúe na Valenzá, de 10:00 a 14:00 h.
O luns de Entroido estará dedicado ao público infantil coa Festa de Disfraces no Parque da Solaina, a partir das 16:30 h. O martes celebrarase o Gran Desfile de Barbadás na Avenida de Celanova, desde as 17:00 ata as 20:00 h, cun operativo especial de seguridade no que participarán servizos sanitarios, Protección Civil e distintos corpos policiais. As inscricións permanecerán abertas ata o 16 de febreiro ás 12:00 h, con bases renovadas para maior claridade dos participantes.
O Entroido despedirase o mércores 18 co Desfile Fúnebre e a Queima do Meco, que partirá ás 20:00 h cara á Praza Vella da Valenzá. Ademais, o Concello decidiu suspender o concurso do cartel do Entroido tras as polémicas rexistradas nas dúas últimas edicións. “Houbo falta de creatividade e acusacións de plaxio que non queremos repetir”, concluíu Valcárcel.

