Ourense inicia o Entroido escolar coa celebración do tradicional Xoves de Comadres na Praza Maior, unha cita que reunirá a máis de 300 escolares e que marca o inicio das actividades do Entroido 2026 na cidade.
O Concello de Ourense, ten xa todo preparado para esta xornada festiva, que se desenvolverá o xoves 12 de febreiro. Esta ten como obxectivo achegar ás xeracións máis novas unha das tradicións máis arraigadas da cultura popular galega.
Ourense inicia o Entroido escolar co Xoves de Comadres
Nesta edición participarán arredor de 340 alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria, ademais de alumnado de Educación Especial. O alumnado pertence a oito centros educativos da cidade: Vistahermosa, Mestre Vide, Manuel Sueiro, As Mercedes, O Couto, Maristas e o CEE Miño.

Obradoiros previos nos colexios
Para garantir unha participación activa e con coñecemento da tradición, nos días anteriores á celebración desenvolveranse obradoiros nos propios centros educativos, impartidos por persoal especializado. Nestas sesións, o alumnado elaborará as figuras de compadres e comadres, coñecendo ao mesmo tempo o significado histórico e simbólico desta festividade do Entroido.
Programa do Xoves de Comadres
O acto central do Xoves de Comadres terá lugar na Praza Maior, entre as 11:30 h e as 13:00 h, cunha programación pensada para combinar tradición, xogo e convivencia:
- 11:30 h: inicio das loitas de compadres, nas que as nenas defenderán as súas figuras fronte aos intentos dos nenos por arrebatárllelas.
- 12:00 h: quenda das loitas de comadres, co intercambio de roles, sendo os nenos quen protexan as súas figuras ante as nenas.
A xornada completarase con música en directo e actividades de dinamización, creando un ambiente festivo e participativo no corazón da cidade e reforzando o valor educativo e cultural do Entroido de Ourense.

