O Concello de Barbadás solicitou á Xunta de Galicia que reconsidere a denegación do obradoiro dual de emprego presentado conxuntamente cos municipios de Toén e Taboadela, tras quedar fóra da convocatoria por non presentar Taboadela en tempo e forma a documentación requirida ante o Consello de Contas.
A proposta rexeitada incluía un investimento de 465.000 euros e contemplaba formación e prácticas nas áreas sociosanitaria e forestal para 24 persoas desempregadas dos tres concellos implicados.
Barbadás pide á Xunta reconsiderar a denegación dun obradoiro dual de emprego
Desde Barbadás subliñan que se trata dun proxecto con impacto directo na empregabilidade e na mellora de servizos básicos no ámbito local.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, confirmou que o municipio volverá presentarse á seguinte convocatoria de obradoiros duais. Ademais, reclamou á Xunta que, no caso de manter a decisión de denegar esta solicitude, “discrimine positivamente esta proposta na próxima convocatoria”. Solicita Valcárcel que teña en conta o seu interese social e o traballo previo realizado polos concellos participantes.
A petición formal do Concello de Barbadás chega despois de recibir a comunicación oficial da Xunta, datada o 30 de xaneiro. Na mesma, notificábase a exclusión do obradoiro por cuestións administrativas alleas á xestión municipal barbadense.



