Noticias

Eladio Santos chama á prudencia no Entroido de Ourense

Eladio Santos pediu prudencia e responsabilidade para garantir un Entroido de Ourense seguro, durante a Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá e destinada a coordinar o dispositivo especial das festas, que se desenvolverán do 12 ao 18 de febreiro.

O subdelegado do Goberno en Ourense presidiu a reunión na que se analizaron as medidas de prevención e seguridade ante unha celebración que prevé unha elevada afluencia de público.

Eladio Santos chama á prudencia no Entroido de Ourense

No encontro participaron tamén o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias; o asesor municipal de Seguridade Cidadá, Laureano Bermejo; responsables de Protección Civil e da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, así como representantes da Policía Nacional, Policía Adscrita, Policía Local e colectivos veciñais e comerciais.

Eladio Santos chama á prudencia no Entroido de Ourense
Foto: Subdelegación do Goberno

O operativo especial do Entroido de Ourense estará integrado por Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil, bombeiros de Ourense, Emerxencias 112 Galicia, seguridade privada e servizos sanitarios. Entre as medidas previstas figura a instalación dun Posto de Mando Avanzado no Concello. Este centro estará operativo desde o sábado ao luns, e dun hospital de campaña na contorna superior da Catedral. Ademais, a seguridade privada asumirá os controis de acceso á Praza Maior e á rúa do Progreso durante os días con actuacións musicais.

“Haberá presenza policial reforzada e atención permanente ante calquera incidencia. Todo está pensado para que poidamos desfrutar da nosa festa con tranquilidade e que este sexa outro Entroido memorable en Ourense”, destacou Eladio Santos. A Policía Nacional confirmou que reforzará os seus efectivos con unidades externas durante as noites, con especial vixilancia nas zonas de maior concentración de persoas. Estas zonas serán a Praza Maior, rúa do Progreso, Santa Eufemia e a Praza do Correxidor.

Punto Violeta

No ámbito da prevención das agresións sexistas, o Concello instalará un Punto Violeta nos soportais da Praza Maior. A xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, agradeceu a iniciativa e subliñou que “o Punto Violeta é unha ferramenta moi útil contra as agresións porque presta auxilio ás vítimas, ofrece información e ten un importante efecto disuasorio”.

A Xunta Local de Seguridade abordou tamén a situación xeral da seguridade cidadá en Ourense. Segundo os datos achegados pola Policía Nacional, nos últimos meses rexistrouse unha diminución dos delitos contra as persoas e o patrimonio. Nese tempo, aumentou o seu esclarecemento. Na actualidade, a principal preocupación céntrase nas estafas e delitos vinculados ás novas tecnoloxías.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.